sábado. 20.04.2024
xurado-premio-apaisado-baixa
Xa se coñece o xurado do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán


Artistas, docentes, poetas, investigadoras, críticos literarios e activistas culturais. No xurado do IV Premio de
Poesía Florencio Delgado Gurriarán está presente un perfil moi variado de creadoras e amantes da literatura
que asumen con ilusión esta responsabilidade no ano no que o autor valdeorrés protagoniza as Letras Galegas.
Os integrantes do xurado desta edición 2022 son Cristina Pato, unha das creadoras ourensanas con maior
proxección internacional; María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona e investigadora; Ramón
Nicolás, crítico literario, profesor, tradutor e escritor, Antía Balvís, poeta e activista cultural que forma parte da
xeración do século XXI dos poetas galegos, Emilio Vega, biblófilo, divulgador e membro de Valdeorras Infinda e
do proxecto As Letras de Florencio; e Eilún del Pazo, poeta e gañadora da anterior edición do premio.


As obras a concurso (poemas inéditos en galego de entre 15 e 90 versos) poden presentarse ata o próximo 29
de setembro no Concello de Vilamartín de Valdeorras e as bases poden consultarse en asletrasdeflorencio.gal.
A obra gañadora será desvelada nunha gala que se vai celebrar a finais de outubro no teatro Lauro Olmo do
Barco e recibirá un premio único de 3.000€. Trátase da cuarta edición dun premio que conta co apoio da
Deputaciónde OUrense e dos Concellos valdeorreses implicados no proxecto As Letras de Florencio: O Barco,
Vilamartín, A Rúa, Rubiá e Petín. Nas anteriorres edicións os gañadores foron Jorge Moral, co poema …Quen
diría, Raúl López con Vinte na Desolación e Eilún del Pazo, con Da memoria da Mencía.

Uns meses cargados de eventos

O premio de poesía é sen dúbida un dos protagonistas desta última etapa do ano de Florencio, no que será o momento de consolidar e publicar os traballos de investigación e difusión do autor valdeorrés que se veñen desenvolvendo durante todo o 2022. Con simposios de especialistas, encontros, estreas de documentais, novas publicacións, premios escolares ou a itinerancia de exposicións, o autor de Córgomo seguirá sendo unha das claves da actualidade cultural galega ata o mes de decembro.

As próximas citas son a inauguración da exposición Florencio Delgado Gurriarán, Bebedeira de Ensoños no Museo do Pobo Galego o próximo 15 de setembro, a presentación do documental Florencio do A ao Z, de Arraianos Producións, no marco do OUFF, o Festival Internacional de Cinema de Ourense, o próximo 27 de setembro e máis o faio do Premio Contádenos o voso Día das Letras, da Real Academia Galega.

Asimesmo, Valdeorras Infinda instalará no Forum da Coruña outra exposición sobre o autor, e xa se pode visitar na Biblioteca Nós de Ourense a mostra Compromiso na distancia, que foi inaugurada o pasado venres polo director xeral de Política Lingüística, Valentín García, coa presencia da directora do proxecto As letras de Florencio, Débora Álvarez.

Xa se coñece o xurado do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán