sábado. 20.04.2024

Xosé Antón Díaz, presentou as conclusións do estudo ao vicepresidente da Deputación de Ourense e aos alcaldes de Larouco e San Xoán de Río entre outros

Un informe de diagnose analiza a posibilidade de crear un camiño cultural na Vía Nova no itinerario: Ponferrada – Puente de Domingo Flórez, O Barco de Valdeorras, A Rúa de Valdeorras, Larouco, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Castro Caldelas, Sober, Chantada, Santiago de Compostela.

O autor deste informe, Xosé Antón Díaz, presentou as conclusións do mesmo ao vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e a alcaldesas e alcaldes da zona: Castro Caldelas, Trives, San Xoán de Río, Larouco e A Teixeira.

Esta memoria ten como obxetivo realizar un estudo inicial para tratar de formular e definir a conformación dun camiño cultural entre A Rúa, Larouco, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira e Castro Caldelas.

O mesmo foi realizado por un equipo de investigación da Universidade de Vigo pertencentes ás Facultades de Historia e de Turismo e Empresariais do Campus de Ourense, sendo solicitado pola Deputación de Ourense a petición dun conxunto de municipios que estaban interesados en definir o camiño, e avaliar a súa potencialidade para que se erixa en itinerario do Camiño de Santiago.

As propostas estratéxicas de actuación recollidas van dende definir un programa de acción para tratar de valorizar a importancia deste camiño patrimonio-cultural no ámbito de Galicia e do territorio nacional, ata impulsar un programa de difusión informativa sobre este itinerario, elaborar un Plan de Marketing do Camiño Cultural de referencia, realizar unhas xornadas de traballo para divulgar o interese do estudo realizado sobre o camiño cultural: Vía Nova ou Vía XVIII.

Outras ideas pasan por realizar mesas redondas de traballo entre os municipios da comarca, a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, para definir un borrador sobre o itinerario do trazado do mesmo.

Así mesmo precísase dunha consulta con Patrimonio da Xunta de Galicia e co órgano competente do Ministerio de Cultura para poder inventariar este camiño cultural en razón a súa importancia histórica e de identidade cultural para a comarca e para Galicia.

O estudo tamén contempla a colaboración da comarca, a Deputación e a Universidade de Vigo para dar visibilidade ao trazado para que sexa considerado nas bases de datos do Ministerio e da Xunta de Galicia, podendo así potencialo progresivamente. Ademais, propóñense actuacións municipais para realizar programas activos de sensibilización, preservación, conservación e información do camiño resultante, entre outras recomendacións.

Un estudo analiza a creación dun camiño cultural pola Vía Nova