domingo 29/5/22

A revista "Raigame" aproxímase á figura de Delgado Gurriarán no seu novo número

Editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación, a publicación afonda tanto na vida como na obra do poeta de Córgomo, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2022

somoscomarca_Xavieralvarez-ManuelBaltar-AurelioGómezVillar
A revista "Raigame" aproxímase á figura de Delgado Gurriarán no seu novo número

O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense vén de publicar o número 48 da revista "Raigame", centrada na vida e obra do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), figura homenaxeada nas Letras Galegas 2022. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, resalta a calidade e importancia de "Raigame", unha publicación que neste número afonda na vida de "quen ten que ter todo o protagonismo da nosa cultura neste ano". Destacou tamén a traxectoria do poeta de Córgomo, "que escribiu na nosa terra, que participou no Partido Galeguista e que no exilio, en México, fundou revistas como 'Vieiros' ou 'Saudade' sendo, en definitiva, un home xigante da nosa cultura". 

Baltar estivo acompañado na presentación do número 48 desta revista polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar e o membro do Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo e secretario da revista "Raigame", Xavier Álvarez. 

Este novo número de "Raigame" está coordinado por Ricardo Gurriarán e Gustavo Docampo, e nel participan profesores, escritores, ilustradores e deseñadores coma Emilio Vega, Delfín Caseiro, Antón Dobao, Julio Pérez, Lito Caraméns, Anxo Baranga, Eva Piay e Celia Rey.

Tamén se reeditan artigos de Ricardo Gurriarán e Miro Villar publicados en anteriores números da revista, cando se comezara a reivindicar a figura de Florencio Delgado como merecedor ser protagonista do día das Letras Galegas. Os textos afonda tanto na vida como na obra do poeta valdeorrés e estúdanse as súas publicacións, nas cales destaca o seu amor pola súa terra, a paisaxe, a xente, os costumes e a vida da comarca de Valdeorras.

Outro bloque de artigos céntranse na súa biografía, o seu compromiso socio-político, a súa militancia no Partido Galeguista, a participación na Guerra Civil Española e a súa actividade como promotor cultural no exilio.

A revista vai acompañada dunha unidade didáctica realizada polos profesores Séchu Sende e Patricia Calviño, orientada a dar a coñecer ao escritor entre os estudantes de Bacharelato e a ESO, onde a través da súa biografía e dos seus poemas, trátanse o uso da lingua galega na nosa sociedade.

A revista estará dispoñible en colexios, bibliotecas, centros culturais, centros na emigracións, museos, entidades públicas e pódese solicitar no servizo de Publicacións da Deputación e nas dependencias do CCP Xaquín Lorenzo. Unha difusión que fará, segundo o presidente da Deputación, que "calquera que queira achegarse a obra de Florencio Delgado, e por el a Ourense, terá a súa disposición esta publicación".

A revista "Raigame" aproxímase á figura de Delgado Gurriarán no seu novo número