
A Real Academia Galega estrea hoxe, 5 de maio, o cuarto episodio da serie documental Florencio Delgado. O soño da Galicia infinda, unha entrega centrada na poesía do autor valdeorrés que descobre unha traxectoria poliédrica que abrangue dende unha sensualidade unida á paisaxe do viño da súa terra, Valdeorras, ata a poesía satírica antifranquista e, xa dende o exilio, un feixe de poemas singulares na literatura galega que fan súa a forza tímbrica do léxico náhuatl e a musicalidade do son mexicano. O episodio pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da Real Academia Galega.
O crítico literario e escritor Miro Villar, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, divide en tres etapas a produción poética de Florencio Delgado Gurriarán: a da poesía de preguerra, debedora do hilozoísmo de Amado Carballo e na que destaca o seu primeiro libro, Bebedeira (1934); a da poesía de combate, con composicións moi belixerantes e satíricas contra os golpistas, algunha delas sobre o propio Franco; e a do poeta que emerxe décadas despois, o Florencio de Galicia infinda, "o seu mellor libro", valora Miro Villar neste capítulo.
'Bebedeira', un canto á alegría de vivir e ao erotismo
"En Bebedeira a natureza sae por todos os lados, unha natureza animada", resume o docente e escritor Julio Pérez Veiga, outra das voces que ganduxan este percorrido pola poesía do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o vindeiro 17 de maio. O presidente da RAG incide noutro elemento clave na obra que inaugura o legado bibliográfico de Florencio: a sensualidade, expresada a través dun universo no que a boca da amada sabe a garnacha.
Poesía política
A segunda etapa, vital e como poeta, de Florencio Delgado Gurriarán está marcada polo golpe de Estado, aínda que con anterioridade a xullo de 1936 xa cultivara a poesía política, matiza o académico Xesús Alonso Montero, en referencia a poemas de claro contido galeguista e sociolingüístico previos á sublevación militar. O primeiro deste tipo, "Opinións sobre o galego", é de 1931, moito antes de que Celso Emilio Ferreiro escribise "Deitado frente ao mar", que comeza co verso tantas veces citado e recitado "Lingua proletaria do meu pobo", recorda o académico en Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio, outra das achegas editoriais sobre o protagonista das Letras Galegas 2022.
'Galicia infinda', unha "xoia literaria"
O poeta máis plural e completo aparece nas páxinas de Galicia infinda, editado dende Vigo por Galaxia no ano 1963, cinco anos antes da súa primeira viaxe ao país dende o exilio. "Hai unha serie de temas neste libro que o fan unha xoia literaria no conxunto da súa obra", sentencia Miro Villar. Entre eles, unha mestizaxe galegomexicana que abrangue dende as paisaxes ata a lingua, con composicións que incorporan ao galego léxico náhuatl e topónimos mexicanos como "Xarabe tapatío", "Xacaranda" ou "Atotonilco".
Débora Álvarez Moldes pon ademais o acento no labor minucioso de revisión que fai o poeta da súa propia obra. "Detrás da sinxeleza da súa poesía hai traballo e elaboración. Sempre me chamaron a atención as innumerables copias dos mesmos textos con ese retoque infindo, sempre estaba a reescribir", conta na serie documental.
Un percorrido vital e literario en cinco capítulos
Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda arrinca co retrato máis próximo e íntimo dun home de carácter alegre e conciliador, amigo do baile e da música, como demostra parte da súa poesía. Tras o cuarto capítulo dedicado á poesía de Delgado Gurriarán, o xoves que vén a RAG estreará o derradeiro, sobre a lingua dun autor que proxectou o galego de Valdeorras, que é tamén motivo de reivindicación a través da súa obra nestas Letras Galegas 2022.
Micropezas e a Primavera das Letras para a infancia
A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, xa para o público máis novo, está a convocar a comunidade escolar arredor de Primavera das Letras, páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.
Novas edicións e un simposio
No apartado de publicacións, a Academia ofrece xa nunha edición especial en versión dixital o discurso de ingreso na institución de Delgado Gurriarán como académico correspondente. Neste texto, conservado no arquivo da RAG, o poeta lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México canda tantos outros que pensaban coma el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a prol da cultura galega que, xunto a outros paisanos, desenvolveu.
A Real Academia Galega publicará ademais proximamente unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois.