viernes. 29.03.2024
somoscomarca_corgomo_florencio_mural_botellas_vecinos_calles_2022_05_07 (4)
A RAG celebra coa veciñanza de Córgomo o poeta vital e comprometido

O seu compromiso coa democracia custoulle o exilio. Na poesía tamén deixou constancia da súa loita antifranquista e satirizou sobre os prexuízos lingüísticos cando ninguén máis o facía. Pero Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), malia o que lle tocou vivir, foi sempre un home vital, como proban esoutros poemas seus nos que canta ao viño, á sensualidade e á alegría de vivir, en Galicia e no país que o acolleu, México.

E ese espírito marcará o Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica este ano. A cita central será en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras, Ourense), a súa vila natal, que será escenario do pleno extraordinario da institución, aberto ao público.

Posteriormente, académicos e corgomeses compartirán polas rúas da aldea unha "Florenciada", un encontro que será, como a el lle gustaría, unha celebración en comunidade. Para a ocasión viaxarán dende América as súas fillas Celia, Carmiña e Maruxa, e os seus netos.

A sesión plenaria comezará ás 12:30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo e poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

A capital das Letras Galegas 2022 prepárase dende hai tempo para a gran festa do 17 de maio cunha serie de actividades que se intensifican nas vésperas. Un serán poético, rutas por Córgomo para o alumnado das escolas da comarca, concertos e contacontos son algunhas das actividades interxeracionais anunciadas para estes días en Vilamartín de Valdeorras e outros concellos da comarca pola asociación As Letras de Florencio, composta por distintos colectivos, os municipios da zona e a Deputación de Ourense, que uniron esforzos hai anos para visibilizar o legado do seu poeta e reivindicar para el o Día das Letras Galegas.

De Valdeorras ao exilio mexicano

A RAG celebrará o pleno extraordinario na Aira dos Bolos, un espazo cargado de simbolismo, lugar de encontro dos corgomeses para xogaren aos birlos, como retratou nos seus versos Florencio. Pero dende Valdeorras a Academia viaxará tamén a México, onde chegou en 1939 como exiliado a bordo do Ipanema, un dos chamados buques da liberdade. Coas Letras dedicadas á súa figura, a Academia lembra tamén, por primeira vez nun 17 de maio, o papel da diáspora naquel país, un dos eixes do discurso do historiador Ramón Villares, que abrirá a quenda de intervencións académicas sobre o homenaxeado.

O poeta valdeorrés recoñecía no seu discurso de recepción na Academia como membro correspondente (1981) -recuperado pola institución nunha edición especial- que na posguerra Buenos Aires era a capital cultural de Galicia, pero reivindicaba tamén o papel dos homes e mulleres que, coma el, contribuíron dende México a "escorrentar as tebras culturais". Os medios de comunicación foron para eles unha ferramenta fundamental. Dende a radio ata revistas como Saudade e Vieiros, que Florencio codirixiu co cineasta Carlos Velo e Luís Soto, e que constitúe un episodio destacado da cultura galega durante a ditadura que neste 2022 cómpre tamén visibilizar.

A sesión plenaria continuará coa intervención da directora da Sección de Lingua da RAG, Rosario Álvarez, que afondará na contribución de Delgado Gurriarán á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

Serie documental

Alén da sesión plenaria, a Real Academia Galega está a celebrar as Letras Galegas de Florencio con intensidade na Rede. Este xoves estreou na súa canle de YouTube o quinto e derradeiro capítulo da serie web documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda. A narración audiovisual arrinca no capítulo 1 co retrato máis próximo e íntimo dun home conciliador e amigo do baile e da músicaO episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana, escribindo en páxinas como as de Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, onde viron a luz, entre outros, os seus versos satíricos sobre o golpista Francisco Franco; ou implicándose nos labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas. O 3 profunda nos anos no exilio mexicano e o seu papel como activista cultural da diáspora galeguista, o episodio 4 repasa os distintos perfís da poesía que cultivou e o capítulo 5 detense na súa relación coa lingua galega.

Micropezas e a Primavera das Letras para a infancia

A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, xa para o público máis novo, está a convocar a comunidade escolar arredor de Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), unha páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.

Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.

A RAG celebra coa veciñanza de Córgomo o poeta vital e comprometido