domingo. 26.06.2022

O presidente da Real Academia Galega recibe as fillas de Florencio na sede da institución

Celia, Maruxa e Carmiña Delgado Teixeiro agradeceron as numerosas iniciativas que demostran o recoñecemento e o afecto ao protagonista do Día das Letras Galegas 2022 que se están a repetir por toda Galicia

somoscomarca_hijas_florencio_rag_2022-05-20
O presidente da RAG recibe as fillas de Florencio na sede da institución

Maruxa, Celia e Carmiña Delgado Teixeiro, fillas de Florencio Delgado Gurriarán, coñeceron este mediodía a sede da Real Academia Galega. O presidente Víctor F. Freixanes convidounas a visitaren a sede da institución que lle dedicou o Día das Letras Galegas 2022 ao seu pai, nomeado académico correspondente no ano 1981.

O presidente da RAG agradeceulles a súa viaxe dende México e os Estados Unidos, onde residen, para participaren no pleno extraordinario da Academia co gallo do Día das Letras Galegas, celebrado o pasado martes en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a localidade natal do poeta e activista cultural, referente do exilio galeguista en México. Víctor F. Freixanes trasladoulles ademais un saúdo afectuoso para a súa nai e viúva de Florencio, Celia Teixeiro, que segue a vivir no país que acolleu o escritor tras a guerra civil.

As Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán, apuntou Víctor F. Freixanes, están a contar coa complicidade entusiasta da veciñanza de Valdeorras e continuará con novas iniciativas ao longo de todo o ano, tanto por parte da Academia como por asociacións e institucións de todo o país.

As fillas de Florencio manifestaron o seu agradecemento á RAG e ao conxunto da sociedade galega pola homenaxe ao seu pai, unha gratitude da que deixaron constancia no libro de ouro da institución. "Este momento vai quedar para sempre no noso corazón. Encantoume toda esta resposta amorosa da xente de toda Galicia, dende o plano académico ata o dos artistas e os veciños de Córgomo, comprobar que o noso pai é unha persoa querida e admirada e como a súa figura se transmitiu a través das xeracións", salientou Celia Delgado, a maior das tres fillas de Florencio e segunda dos cinco irmáns, tras o encontro.

"Estamos sorprendidas da magnitude da resposta, tan cálida, da súa Galicia infinda", asegurou Maruxa, que agradeceu tamén o recoñecemento da loita do seu pai pola democracia, a lingua galega e a paisaxe da terra que significan as Letras Galegas deste ano. Carmiña, a benxamina, como lle dicía o seu proxenitor, explicou que comezaron xa a celebrar dende a distancia esta homenaxe, pero que o afecto que atoparon cara á figura de Florencio ao chegaren a Galicia superou todas as súas expectativas. "É un grande orgullo ver tanto cariño cara a el, que tanto deixou atrás, e que seguiu adiante coas súas ideas e coa súa lingua", coincidiu.

Na visita tamén participaron Anita Fabre, amiga de Carmiña, Maruxa e Celia Delgado Teixeiro; Teresa Delgado, familiar delas; e Domingo Díaz Docampo, que está a traballar nun documental sobre Florencio Delgado Gurriarán.

O presidente da Real Academia Galega recibe as fillas de Florencio na sede da institución