jueves. 18.04.2024

Na mañá do sábado pasado acudimos á chamada das “Camiñadas Culturais” que organizou o Servizo de Cultura do Concello do Barco. Cara ás 9:30 horas, logo dos saúdos e das oportunas presentacións, principiamos a marcha os congregados nesta parroquia trivesa.

Saímos da aldea bordeando o grande penedo que lle dá nome, co topónimo «Folenche»” como tema de animada conversa: de onde vén? Que misterioso significado agacha? Deixamos atrás as últimas casas, entre árbores froiteiras e verdes lameiros bordeados de rebolos e antigos valos de pedra. Axiña xorde a primeira sorpresa ao paso do camiñante atento. E da sospeita inicial á certeza. Non hai dúbida: o irmán lobo, o grande e lendario depredador, madrugou máis ca nós e acaba de deixar o seu particular saúdo en forma de rastro no medio e medio do camiño.

Continuamos a marcha en dirección aos primeiros soutos e celebramos o paso das souteiras que aproveitan a bonanza da mañá pra apañaren as saborosas castañas. O camiño vai baixando suavemente ao tempo que os castiñeiros gañan presenza até nos rodear por toda parte. As árbores tecen un mesto pano de alouradas follas que lle confire á paisaxe, coa luz, un aspecto engaiolante. Estamos xa preto do conxunto dos sequeiros que lle dá nome e sentido á ruta. Matilde, da Oficina de Turismo, lémbranos a importancia da castaña e dos labores derivados da súa colleita e conservación na nosa cultura tradicional.

Coa cavilación posta nesta enorme riqueza, abandonada de vez, en grande parte da andaina, retomamos o rumbo cara á ponte Navea, cun pouso de desacougo no noso interior ante a desfeita que supón o despoboamento continuo do mundo rural. Neste treito da ruta imos deixando a pegada dos nosos pasos sobre o vello Camiño Real. A chegada á ponte é o intre do reagrupamento, de coller folgos antes de escoitar as explicacións sobre o interese deste lugar. A feitura primitiva —romana— da obra, das máis antigas da península Ibérica; a súa reconstrución, modificada, xa na Idade Media; os miliarios rescatados da Vía Nova e «reciclados» nunha corte, alí mesmo; a delimitación dos antigos conventos Bracarense e Asturicense nesta área; a presenza da Orde de Malta e o control do paso (pontádego) que aquí exercía…

Todo flúe de maneira natural, amena e próxima, no discurso do mestre Santiago Ferrer. En fronte, da outra banda do río, unha manda de xabarís atenta e silandeira aumenta a súa bagaxe de coñecementos históricos…, até que alguén dá a voz de aviso. Os porcos bravos disolven o concilio e gabean ladeira arriba, por entre a matogueira. Segue a lección maxistral. Unha foto destoutro lado. Canta no fondal o río Navea. “Bang!”, resoa no cimo. O silencio e un arrepío cobren o val. O cano de aceiro, implacábel, asegunda: “Bang! Bang!!!”

Toca comezar o traxecto de volta. Agora o camiño sobe, enchoupado, convertido por partes nun auténtico regueiro, traendo ao presente a dificultade das comunicacións e a cara menos amábel da vida na aldea. Volvemos ao reino do castiñeiro e, pouco máis arriba, temos xa ao alcance da vista o “castelo roqueiro” da Pena, sobranceiro entre as construcións do lugar. Mais antes de arribar aínda é tempo de botar á fardela uns choupíns que nos saen ao encontro. O punto final é a ascensión ao miradoiro de Pena Folenche, con extensas vistas en todas as direccións.

Antes de lle dar cabo á camiñada Ferrer desvélanos as características deste tipo de emprazamento sobre o que se asentaba a torre da homenaxe. Tamén a reutilización das pedras logo do seu derrubamento, incorporadas a moitas das casas que circundan o penedo e coas marcas dos canteiros aínda ben visíbeis. Un novo uso, a volta ao comezo. Igual có noso percorrido, circular: principio e fin, talmente.

Fotografías e texto: Xabier Roo Abril

De Pena Folenche á Ponte Navea pola ruta dos sequeiros