viernes. 29.03.2024
20221103-Simposio-FDG (4)
"Oh Captain! My Captain!" e outras traducións que fixeron historia de Florencio Delgado

"Oh Captain! My Captain!", un dos poemas máis célebres de Walt Whitman, foi escrito en 1865 en homenaxe ao presidente dos Estados Unidos Abraham Lincoln tras o seu asasinato. Case un século despois, en 1951, foi vertido por primeira vez ao galego, desde o exilio en México, por Florencio Delgado Gurriarán (1903 - 1987).

"Adaptouno con certo grao de liberdade para render homenaxe a Castelao con motivo do seu primeiro cabodano", explica o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, que abordou o labor como tradutor do protagonista do Día das Letras Galegas na primeira xornada do simposio que a Real Academia Galega lle dedica. "A tradución significou para Delgado Gurriarán unha vertente notable no conxunto do seu labor, malia que non lle consagrase atención de forma perseverante no transcurso da súa traxectoria", resume o investigador, que se referiu tamén á escolma Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires, 1949), "un verdadeiro fito na historia da tradución galega" da que Delgado Gurriarán foi coautor.

A primeira mostra do labor como tradutor de Delgado Gurriarán é a súa contribución neste libro no que participou xunto a Plácido Castro e Lois Tobío traendo ao galego poemas en francés como "Volta da primavera" de Philippe Chabaneix, e "Choiva" de Paul Verlaine. "Este volume constitúe un verdadeiro fito na historia da tradución galega por se tratar do primeiro tomo de versións á nosa lingua que viu a luz despois da guerra civil", valora Xosé Manuel Dasilva.

Delgado Gurriarán, Tobío e Castro foran os gañadores dun concurso convocado pola Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, patrocinadora da edición, pero o poeta valdeorrés era o único sen experiencia como tradutor. Non obstante, estaba moi familiarizado co francés polos seus avatares biográficos durante a guerra civil e, se cadra, a partir desa experiencia desenvolveu unha querenza especial polos poetas franceses, suxire o filólogo.

Desde o francés tamén traduciría por primeira vez ao galego "O cemiterio mariño", de Paul Valéry, publicado no xornal arxentino Opinión Gallega en 1952 e anos despois difundido na revista Grial, prosegue Xosé Manuel Dasilva. O relator tamén examinará a paráfrase titulada "O barco bébedo", de Arthur Rimbaud, inserida a finais da década dos 60 nas páxinas da revista Vieiros, a publicación da diáspora galeguista en México da que Delgado Gurriarán foi un dos impulsores.

Alén do percorrido polas traducións de Delgado Gurriarán, Xosé Manuel Dasilva presentou como primicia a documentación exhumada recentemente do informe de censura sobre o poemario Galicia infinda (Galaxia, 1963), o único que o autor publicou en Galicia durante o franquismo. O documento demostra que o libro puido saír do prelo sen sufrir modificacións, explicou.

Correspondencia sobre a fuxida de refuxidados galegos

O Simposio Florencio Delgado Gurriarán reúne as tardes do primeiro e do segundo xoves do mes de novembro no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) unha ducia de especialistas de distintos eidos que profundarán en diversos aspectos da traxectoria do poeta e activista cultural valdeorrés, unha das figuras destacadas do exilio galeguista en México. A entrada é libre e todas as intervencións poderán seguirse en directo desde academia.gal.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inauguraron o encontro, que se desenvolve co apoio económico da Xunta de Galicia. Xesús Alonso Montero interveu deseguido cun relatorio sobre a poesía sociolingüística do homenaxeado e outros poetas do seu tempo. O encontro rematou coa presentación do libro Co anceio de volver. Conversas con Florencio Delgado e Celia Teijeiro, unha edición da RAG ao coidado do biógrafo do homenaxeado, o seu parente Ricardo Gurriarán, que reúne a conversa que Delgado Gurriarán mantivo en 1979 coa antropóloga catalá establecida en México Dolors Pla (1954-2014) para o arquivo da historia oral do exilio español no país que os acolleu a ambos, nunha versión traducida ao galego e editada para a ocasión; e mais a entrevista que o propio Ricardo Gurriarán lle fixo á dona en 1998.

"Oh Captain! My Captain!" e outras traducións que fixeron historia de Florencio Delgado