viernes. 19.04.2024
Máis de 7.000 estudantes participarán na Semana Escolar das Letras Galegas

 A vindeira semana celebrarase a oitava edición da Semana Escolar das Letras Galegas, actividade organizada pola Deputación de Ourense e na que este ano participarán máis de 7.000 estudantes procedentes de 51 centros educativos da ESO de toda a provincia. Todos eles recibirán un exemplar do libro "Florencio Delgado Gurriarán fronte á exaltación da natureza", escrito por Xosé Antonio Perozo e ilustrado por Antonio Seijas.

A Semana Escolar das Letras Galegas foi presentada esta mañá na sala de prensa da Deputación polo vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández, e o propio autor do libro. César Fernández resaltou a importancia de poñer en valor a figura de Delgado Gurriarán (1903-1987), autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022: "É un perfil moi interesante, ten moito que aportar tanto na súa faceta poética coma no seu aspecto político e nas facetas da súa vida". 

A través da lectura do libro e do traballo didáctico realizado na aula, os alumnos poderán aproximarse a Delgado Gurriarán. "Este poeta ourensán, de Valdeorras, ten unha gran forza, cunha poesía que podería ser cantada a través de ritmos populares", explicou na súa intervención Xosé Antonio Perozo, que destacou a necesidade de profundar, e dar a coñecer máis, un "autor que desgraciadamente non tivo no seu momento o recoñecemento merecido". 

Máis de 7.000 estudantes participarán na Semana Escolar das Letras Galegas