
Iribarne, o novo espectáculo de ButacaZero, representarase o vindeiro venres 23 de febreiro, no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, ás 21.00 horas. As entradas para a única función confirmada polo de agora na provincia de Ourense xa se poden adquirir anticipadamente na tenda 'Ton y son' e tamén estarán á venda na propia billeteira do teatro desde unha hora antes do comezo da función.
A celebrada revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e con dirección de Xavier Castiñeira está a itinerar por toda Galicia e por numerosas cidades españolas logo da súa estrea en Vilalba en xaneiro, e xa pasou por Santiago e Pontevedra, esgotando as entradas en todas elas.
En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto, dispoñible en todas as plataformas, e produtos audiovisuais.
Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla.
Alén diso, este venres sairá á venda a edición galega do texto teatral que chegará ás librarías da man de Edicións Positivas e a un prezo de 15 euros. A súa adquisición tamén será posible nos espazos onde se represente a obra. IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica.
A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí, camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora" e engade que "foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar"
Posta en escena
A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. "Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España", sinala a dramaturga.
A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar o protagonista.
Trátase dunha "peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver", afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat... pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco.
"Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país", afirma Castiñeira. "Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado", conclúe o director. Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?