sábado. 20.04.2024

Ás 20.22 horas Valdeorras uníase no que será o ano de Florencio Delgado Gurriarán

O 2022 será o ano de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Córgomo. Así o anunciou esta mañá a Real Academia da Lingua Galega, RAG e así o celebraron hoxe no Barco.

Nun acto no que estiveron presentes a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez, a concelleira de Cultura e o alcalde do Barco, Margarida Pizcueta e Alfredo García así como o director do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, destacaron que empeza unha nova etapa para Valdeorras.

Todos eles destacaron que este proxecto e a consecución do mesmo unen á comarca, poñendo en valor a figura de Delgado Gurriarán, o seu exilio mexicano e a historia de Valdeorras.



"Vai ser un cambio moi significativo para Valdeorras en todos os ámbitos", destacou Pizcueta quen deu a grazas a todas as persoas e institucións que estiveron implicadas neste proxecto, incluíndo aos valdeorreses que desde diferentes puntos do mundo uníronse ao mesmo.

Pola súa banda, Blanco Trincado lembrou que, desde a fundación do IEV estiveron á beira da figura de Florencio Delgado Gurriarán, "na primeira sesión xa foi nomeado membro de mérito.

Tanto Aurelio Blanco como Débora Álvarez sinalaron que esta petición á RAG comezou hai máis de 20 anos, grazas a José Gayoso, primeiro presidente do IEV quen foi amigo de Florencio e sempre reivindicou e puxo en valor ao poeta de Córgomo.

Neste sentido, Álvarez agradeceu todos os apoios recibidos. "Sempre que levantei o teléfono, tiven abertas bibliotecas, apoios e axudas de moitas persoas. Sen elas isto non sería posible", destacou encomiando o labor de diferentes asociacións así como dos veciños de Córgomo. "É un traballo de todos. É un traballo comarcal e se non, non fose posible". "Temos que deixar no alto o nome de Florencio e o nome de Valdeorras", destacou a directora do proxecto quen engadiu que este é só un primeiro paso.

O acto pechouno o rexedor barquense quen tamén mostrou o seu agradecemento tamén á Deputación de Ourense así como da Xunta de Galicia. "A colaboración e o traballo colectivo é a clave".


Florencio Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes. Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de doutras publicacións de carácter político e cultural. Por iso o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital. Del formaron parte canda o protagonista do vindeiro 17 de maio figuras como o cineasta Carlos Velo, o músico Xesús Bal y Gay, o xornalista Ramón Cabanillas fillo, o arquitecto Xosé Caridad Mateo ou Elixio Rodríguez.

O autor, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México tras lograr escapar a través de Francia  no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou o mencionado Elixio Rodríguez. Unha vez en América mantería o compromiso cívico e cultural que dende moi novo o achegara tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora socio protector.

Creador e tradutor de poesía
Como poeta, ao longo de máis de cinco décadas publicou composicións en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario, Bebedeira (Editorial Nós, 1934) é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo coa que participou na renovación da estética da poesía galega. Xa no exilio, axiña se implicou na revitalización cultural nun tempo en que a cultura galega da terra ficaba muda no seu propio idioma, mentres México e Buenos Aires se convertían nos grandes centros de actividade cultural e política do galeguismo. Páxinas memorables daqueles anos son a colectánea poética Cancioneiro da loita galega (1943), primeira publicación do Partido Galeguista en México e da que Delgado Gurriarán foi responsable intelectual e principal colaborador. A súa voz, ademais de ser a máis presente nesta edición de “poesía de combate”, é a máis variada e significativa e inclúe poemas dedicados ao seu amigo Alexandre Bóveda.

Gurriarán coidou sempre o contacto cos autores galegos exiliados noutros países. Desta relación quedou constancia na devandita colectánea ou no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946), no que enceta unha nova actividade literaria: a tradución de poetas consagrados da literatura universal. O volume, no que colaborou canda Plácido R. Castro (daquela en Galicia, antes do regreso a Reino Unido) e Lois Tobío (dende Uruguai), foi premiado pola Federación das Sociedades Galegas da Arxentina e publicado por primeira vez na capital porteña tres anos máis tarde. Delgado Gurriarán trouxo ao galego nesta achega a Rimbaud, Mallarmé ou Valéry xunto ás traducións dos seus colegas de Yeats, Shelley ou Keats.  A súa man organizadora tamén está detrás do volume colectivo Presencia de Galicia en México (Padroado da Cultura Galega, 1956), no que colaboran intelectuais extragalegos como o historiador catalán Pere Bosch iGimpera. 

‘Vieiros’
Vieiros (1959-1968) é outro gran fito do exilio galego en México que Delgado Gurriarán e os seus colegas fixeron posible, anos despois da experiencia de Saudade. Verba galega das Américas (1942-1953), da que Florencio Delgado Gurriarán tamén foi parte. Nas súas páxinas dialogaron voces do exilio mexicano coas que ficaron en Galicia, tanto consagradas coma outras moi novas naquela altura. Durante a época de conformación de Vieiros, o protagonista do Día das Letras Galegas 2022 mantivo unha especialmente proficua relación con intelectuais do exilio interior como o académico Francisco Fernández del Riego ou Valentín Paz-Andrade e estivo en contacto cos mozos do Grupo Brais Pinto.

Estes vínculos facilitaron a Delgado Gurriarán publicar a esta beira do Atlántico o seu segundo poemario, Galicia infinda (Galaxia, 1963), onde xunto a textos evocadores da matria valdeorresa sorprendeu cun interesante capítulo de “Poemas mexicanos”. Tamén na terra natal saíron do prelo os seus dous últimos volumes: Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986). En Cantarenas, onde recolle páxinas do seu primeiro libro, pon de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético, regresando á terra da infancia que tanto o marcou, á que homenaxeou empregando en ocasións como pseudónimo o nome Corgomófilo. O soño do guieiro recolle igualmente poemas doutros momentos vitais, expresión xa da súa musa cívica, xa da elexíaca. O volume inclúe ademais algúns dos seus poemas sociolingüísticos, unha das facetas máis notables da súa poética. Tanto en Cantarenas como n’O soño do guieiro hai mostras elocuentes do seu talento satírico, retrate ao ditador Franco ou describa o desleixo lingüístico de certos falantes.

Florencio Delgado Gurriarán foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega no ano 1981 en recoñecemento ao seu labor como escritor e activista cultural dende a diáspora. Faleceu en 1987 aos 79 anos de idade cando se atopaba na casa dun dos seus fillos, en California.

A documentación sobre Florencio Delgado Gurriarán é obtívose da publicación da Real Academia Galega


Grazas, Florencio