Serán os
vindeiros, 15, 22 e 29 de novembro en Córgomo, Petín e A Rúa respectivamente
Co gallo de dar a coñecer un pouco máis a vida de Florencio Delgado Gurriarán organízanse, neste mes de novembro, tres conferencias na comarca de Valdeorras. A primeira será o venres 15 na vila co viu nacer, Córgomo.
Nas instalacións da adega D’Berna, Xosé Manoel Rodríguez versará o seu discurso sobre «Carlos Velo, 110 anos entre Galiza e México». Velo achegará ós asistentes unha personaxe que acompañou a Florencio durante a Guerra Civil e no posterior exilio. A hora na que pensou a organización para estas charlas é as oito e media da tarde.
A vida do poeta de Córgomo e das persoas que rodearon a súa poesía estará moi presente neste ciclo de conferencias. O seguinte venres, 22 de novembro, o escenario elixido é a adega Carballal no termo municipal de Petín. Desta, Sechu Sende presentará unha achega á lectura da poesía do autor reparando no aspecto sociolingüístico. Leva por título «Florencio Delgado Gurriarán e as palavras rebeldes em defensa da língua. Achegamento sociolingüístico á súa poesía».
Concepción Álvarez Pousa pechará o ciclo de conferencias co tema «A variedade valdeorresa do galego oriental e a súa presenza na lingua literaria de Florencio Delgado Gurriarán». Alvarez Pousa amosará as características do galego oriental e as características do galego utilizado por Florencio.
Para concluír, recordar que o sábado día 16 farase entrega do Premio de Poesía nunha Gala chea de humor, versos e moito aire mexicano. Estará presentada polo actor Xosé Barato e polas poetas María Lado e Lucía Aldao. O espectáculo será no Teatro Lauro Olmo do Barco a partir das 20:30. A entrada, gratuíta.
No pasado mes de xaneiro o Teatro Lauro Olmo do Barco acolleu a primeira gala de cinema adicada a Delgado Gurriarán, onde se presentou o libro “Antaloxía. Vide, paisaxe, fala” , que recolle os poemas de Florencio e a obra gañadora máis os finalistas do concurso de poemas feito na pasada primavera por “As Letras de Florencio” premio que fora para o barquense Jorge Moral Vidal. O poemario foi reeditado tras unha primeira edición que databa do ano 2001.