viernes. 29.03.2024
somoscomarca_margaridapizcueta_alfredogarcía_melaniacruz_2022-03-25
Dispoñible o 2º capítulo de "A camisa", adaptación sonora da obra de Lauro Olmo

O segundo episodio de A camisa aborda a emigración forzosa ao estranxeiro dun dos amigos de Xan, o protagonista, que insiste na súa idea de ficar e continuar á busca de traballo.  Continúa a narración da premiada peza dramática escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) que retrata o dama da emigración.

A adaptación sonora en formato podcast feita por A quinta do Cuadrante, dirixida por Tito Asorey, parte da tradución que Ramón de Valenzuela fixo do texto orixinal. O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello do Barco de Valdeorras foron os encargados deste proxecto  que conmemora o centenario do nacemento de Lauro Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza.

A vida continúa no patio de veciños...os nenos seguen a xogar, repetindo, se cadra, os vezos e virtudes dos seus maiores, e María e Ricardo seguen a discutir salvaxemente. Aparecen en escena dous amigos de Xan: Sebas e Lolo. O primeiro está cos últimos preparativos para marchar ao estranxeiro, e vén despedirse como a ocasión o merece. Xan está totalmente en contra da idea de marchar, quere ficar na súa terra, pero iso cada vez semella máis complexo. Este é o argumento do segundo dos cinco episodios da adaptación sonora de A Camisa, xa dispoñible desde o web do Consello da Cultura Galega.

Un drama en cinco capítulos

Xan e Lola son un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Loliña e Agostiño, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Malia a súa camisa nova, Xan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio. 

A peza dramática escrita polo valdeorrés Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.

A adaptación sonora divide a historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración que se emiten cada venres. Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.

Dispoñible o 2º capítulo de "A camisa", adaptación sonora da obra de Lauro Olmo