lunes. 09.06.2025

«Naceu como un impulso, pero Versión Valdeorras veu para quedarse e aportar»

Cristina de la Torre convirte a web de cine feito na comarca nunha revista online para difundir proxectos culturais e organizar eventos na comarca

O pasado 2 de abril apareceu por vez primeira Versión Valdeorras, unha web que propuña un ciclo de cinema online para animar o confinamento da veciñanza. No cartaz incluía tódalas películas que se fixeran na comarca, ou iso pensaba a súa promotora, Cristina de la Torre (1977, A Rúa), quen foi ampliando o programa con títulos que descoñecía e outros rodados fóra da comarca por autores valdeorreses que os ofreceron para compartilos.



Cinco semanas despois, de la Torre anuncia que o proxecto continúa coa idea de ser unha revista online para proxectar a cultura feita no rural e tamén organizar eventos culturais na comarca, tendendo pontes cara a Ribeira Sacra e O Bierzo.

- Tiñas planificada está evolución do ciclo de cinema cara unha revista cultural?

- Planificado? Que va, isto foi todo sobre a marcha, crear o ciclo, amplialo, pensar en como darlle continuidade... Tras dúas semanas de peche, un día encendéuseme o cerebro e estou inaguantable (risas), cun montón de ideas e liando a xente todo o rato. As situacións de emerxencia ou te afunden ou te activan. A mín canceláronseme moitos proxectos así que pensei, "vale, voume para o pueblo", virtualmente claro. E o resultado está aí, cinco mil visualizacións das pelis, unha comunidade nas redes sociais moi activa, e coloquios que son case como unha tele local. Se pecho agora sería triste, e estúpido. Sinto que estamos construindo algo interesante para a comarca. Isto naceu como un impulso pero agora teño claro que veu para quedarse, para aportar.

- E cal é o seguinte paso?

- Parar un pouco, sei que soa contradictorio pero preciso un par de semanas para reconducir o proxecto. Tamén para reactivar proxectos profesionais que se pararon coa alarma e que debo retomar, como obradoiros en centros educativos que rematarei online, webs e vídeos para empresas, cousas que son as que pagan as facturas e moi dignamente, ademais.

- Que sectores culturais queres incluir na revista?

- De entrada seguro música, literatura, artes plásticas, artes escénicas, historia, natureza... Soa moi amplo, pero en realidade está todo bastante conectado. Non podemos falar de patrimonio histórico sen relato ou sen contexto natural. Nin de poesía ou teatro sen lingua. Por iso quero falar de proxectos máis que de seccións específicas e por rostro ós creadores e divulgadores que temos na comarca.

- E polo que anunciaches, non so van ser contidos de Valdeorras. Como vai ser esa conexión co Bierzo e a Ribeira Sacra?

- É algo natural, como o curso do río. Pasan cousas no Bierzo, dende o punto de vista cultural, que teñen moito que ver connosco. E igualmente na Ribeira Sacra, que ademais é unha identidade moito máis recente que as comarcais pero moi ben implantada e proxectada. Valdeorras ten moito que aprender delas e a cultura é un pilar nesa proxección identitaria. De todas maneiras eu son moi de non pensalo moito, comezar con algo como incluir documentais de amigos de Chantada, ou algún traballo sobre o Valle do Silencio, e aí vemos a onde nos leva. Teño comprobado neste mes que en canto tiras dun fío detrás vén unha bola longuísima e moi enriquecedora.

- O Concello do Barco recén anunciou que non retoma as proxeccións ata o outono e na Rúa planifican crear un cine ó aire libre, vai ser difícil que volva a cultura este verán?

- A cultura non marchou, pararon certos modelos de consumo cultural, vale, inventemos outros, adaptemos os que xa hai. O do autocine na Rúa xa o falamos Solarat e mais eu nunha conversa que tivemos cando comezou Versión Valdeorras, foi un pouco en broma pero mira, pode que se faga. No coloquio co grupo de teatro Ruada acabamos plantexando representar as obras nunha praza con aforo limitado e retransmitilas en directo ó mesmo tempo noutros barrios sobre paredes de edificios. A que sería chulo? O meu plan non é so contar cultura, é dinamizala, organizar cousas. Teño bastante experiencia en xestión cultural e chámame louca, pero en cada problema vexo posibilidades de como reorientalo. Pero non so eu, é o que está facendo todo o mundo cos seus negocios e co seu plan de conciliación familiar. Aceptemos que a nosa vida vai cambiar e fagámola mellor.

- Agardaremos entón ó 1 de xuño para coñecer como continúas...

- Si oh, iso pensaba, pero hoxe xa non puiden resistirme e compartín unha publicación en Facebook de Isidro García Tato sobre a ponte do tren na Serra da Lastra, busquei fotos actuais, fixen un vídeo en Google Earth... Ese home é unha mina de historia de Valdeorras e hai tanto que contar. O 1 de xuño voltarei cos directos e novos contidos da web pero seguirei polas redes compartindo cousas. Iso si, vou instaurar no meu calendario un día semanal sen ordenador nen móbil. Non é hoxe, claro.

«Naceu como un impulso, pero Versión Valdeorras veu para quedarse e aportar»