viernes. 19.04.2024

Á reactivación da programación cirúrxica priorizará as intervencións dacordo a un criterio de gravidade

A redución de casos de Covid-19, e a menor ocupación hospitalaria adicada á pandemia, posibilita que, desde esta semana, todos os Servizos da Área Cirúrxica, dos tres hospitais públicos de Ourense intensifiquen a súa actividade, retomando as operacións programadas, nunha reactivación na que se comezará polas intervencións de prioridade 2, tendo en conta que ao longo deste período se mantiveron a totalidade das urxentes e as programadas de prioridade 1.

Tras unha fase inicial marcada pola prudencia, na que se priorizou a atención telefónica, con citas presenciais e intervencións só naqueles casos imprescindibles, os hospitais voltan pouco a pouco a normalidade. Dunha banda co progresivo incremento das intervencións urxentes, que se estima se reduciron ata nun 30% neste período, a espera dos datos de maio, o que se relaciona co confinanento e limitación dos movementos e, en paralelo, cun menor número de accidentes laborais, deportivos, de tráfico, caidas, etc.



Como explica a Directora de Procesos con Ingreso, e responsable da coordinación da Área Cirúrxica en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Mar Vázquez Salvado, «obviamente realizouse toda a cirurxía urxente -329 intervencións no primeiro mes e medio do estado de alarma- e, durante toda esta crise sanitaria, mantivemos a totalidade da programación cirúrxica dos procedementos incluídos no Decreto de Garantías, que son aqueles cuxadesprogramación,ou adiamento, pode ter consecuencias negativas no prognóstico da enfermidade».

Estas cirurxías preferentes, 643 entre a segunda quincena de marzo e abril, realizáronse principalmente no Hospital Universitario de Ourense, o 95%, e correspóndense fundamentalmente con diagnósticos oncolóxicos. As intervencións realizáronse con normalidade, dentro das lóxicas dificultades de manexo do paciente durante a pandemia e as medidas de protección. Ademais, Vázquez Salvado, destaca que se habilitou un quirófano específicoCOVID, para realizar, conforme aos protocolos establecidos, as cirurxías nondemorablesdos pacientes que presentaban esta enfermidade.

Para retomar con garantías este proceso, a Consellería de Sanidade reuníu a un grupo técnico, do que formou parte o xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense, Manuel García García, que elaborou un Plan de Reactivación da Actividade Cirúrxica en relación coa infección polo virus SARs-CoV-2, a modo de folla de ruta para esta complexa organización, que debe ponderar actividade asistencial e garantías ata o fin da pandemia.

Esta reactivación progresiva irá da man do incremento paulatino do resto de actividade asistencial, hospitalización, probas, etc, de forma homoxenea co resto dos sistema público de Galicia, e especialmente da Atención Primaria, nudo central do seguimento desta fase e control do posible reponte de casos.

Intervir por orde de prioridade clínica

Tendo en conta a situación actual, a clave é retomar a actividade cirúrxica ordinaria priorizando esta dacordo a un criterio de gravidade, impacto na calidade e vida do paciente e riscos para a súa evolución clínica. Así, estes días estanse a incorporar, en primeiro lugar, as cirurxías dos procedementos de prioridade 2.

Nesta liña, ao mesmo tempo que se inclúen os pacientes en función da súa prioridade, que se determina dacordo aun criterio clínico obxectivo valorado por cada servizo, subliña Mar Vázquez, comeza tamén a retomarse a cirurxía maior ambulatoria, ou que non require ingreso.

En canto a previsión desta programación, desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, está previsto continuar, se non hai cambios no cronograma ou na evolución da pandemia, coa programación de prioridade 3 (menos graves) atendendo xa a criterios de tempo da súa programación, e por último, posiblemente a partir da segunda metade do mes de xuño, di a Dra. Mar Vázquez, atenderanse tamén á cirurxía menor, xeralmente procedementos con anestesia local ou sen anestesia.

Os hospitais de Ourense reactivan a actividade cirúrxica