martes. 01.07.2025

O plasma sanguíneo dos curados polo COVID-19, unha opción para os pacientes

O plasma sanguíneo dos pacientes curados posibilitará novas terapias en enfermos de coronavirus de toda a provincia

O Hospital Universitario de Ourense súmase ao estudo de investigación que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para recoller plasma con anticorpos fronte a coronavirus SARS-CoV-2, de pacientes curados da Covid na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, co obxectivo de coñecer mellor esta enfermidade e posibilitar novas vías terapéuticas en pacientes enfermos.

Neste caso a preselección dos candidatos a doazón, que será voluntaria, correrá ao cargo do Servizo de Hematoloxía, que se asegurará que os ou as doantes reunen ós requisitos clínicos deste estudo autonómico.

Entre eles que teña pasado un mínimo de 14 días desde a súa plena curación,  ou da realización dunha proba proba diagnóstica, PCR, que determine a eliminación do virus nas vías respiratorias superiores, asi como da presenza de anticorpos en sangue, dacordo co protocolo definido pola axencia galega de doazón.

Selección de candidatos

Todos aqueles ou aquelas candidatas que reunan estes requisitos e desexen participar poden poñerse en contacto co Servizo de Hematoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras nos teléfonos 988 385 078 ou 660 331 991 de luns a venres en horario de 9 a 15.00 h. Onde lle realizarán unha enquisa telefónica para determinar a súa idoneidade para o estudo e lle indicarán o procedemento.

Unha vez seleccionados por parte do Servizo de Hematoloxía, extraeráselles plasma, no local de doazón de ADOS situado no Hospital Universitario de Ourense, mediante aférese, sistema que permite a extracción selectiva dos compoñentes do sangue.

Os criterios de selección de potenciais doantes establecen que os participantes tiveran diagnóstico previo de COVID-19 documentado por proba de laborario, con bo estado de saúde actual e asintomáticos,  tras un mínimo de catorce días tras dar negativo na PCR e recuperación total. Así mesmo, establécese un estrito protocolo de doazón de plasma e unha determinacion de Ac anti SARS-Cov-19 (anticorpos fronte ao coronavirus).

As unidades de plasma obtidas por esta vía serán procesadas pola Axencia, criopreservadas e se almacenarán a -30ºC, o que permitirán alongar a súa vida útil para investigación ou terapia de ata dous anos. Asemade o plasma de cada doante valídase e etiquétase, atendendo aos estritos estándares de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidad, e o seu uso será exclusivamente para investigación da COVID-19.

Este tipo de tratamentos foron considerados como eficaces na aplicación de doentes de COVID-19, así mesmo tamén foi empregado en outras enfermidades acadando tamén resultados positivos nos pacientes que recibiron o plasma dos doentes xa curados.

O plasma sanguíneo dos curados polo COVID-19, unha opción para os pacientes