ç
somoscomarca_202
somoscomarca_202
A vila de Viana do Bolo viviu unha das xornadas máis destacadas do seu calendario cultural coa celebración da Vibomask, considerada a maior concentración de máscaras de Entroido da Península Ibérica. Nun día de temperaturas case primaverais, milleiros de persoas ateigaron as rúas para gozar dun espectáculo único que puxo en valor a riqueza etnográfica do Entroido.
O desfile arrancou coa forza e espectacularidade dos Boteiros de Viana do Bolo, que “romperon” a comitiva marcando o ritmo da celebración, mentres que o peche correu a cargo dos elegantes Xenerais do Ulla, acompañados dos seus característicos cabalos.
Entre ambos extremos, sucedéronse máscaras chegadas de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades. Desde A Coruña, participaron o Entroido de Samede e os Xenerais do Ulla; desde Lugo, destacou o Entroido Ribeirao. A provincia de Ourense, como non podía ser doutro xeito, foi a máis representada cun amplo abano de figuras tradicionais como os Cigarróns de Verín, as Pantallas de Xinzo de Limia, os Felos de Maceda, os Troteiros de Bande, Fulión e mázcaras de Buxán, Fulión e mázcaras de Mourela pra acá de Manzaneda, Fulión e boteiros de Vilariño de Conso, ou os singulares Vellaróns de Riós, entre moitos outros.
Tampouco faltaron representacións doutras partes do Estado, como os Zamarrones de Cantabria, os Sidros de Asturias ou figuras emblemáticas de Castela e León como o Zangarrón de Montamarta e a Obisparra de Pobladura de Aliste. Desde Extremadura, chamaron a atención as Carantoñas de Acehúche e o coñecido Jaramplas de Piornal, mentres que o País Vasco estivo presente cos tradicionais Joaldunak.
A dimensión internacional chegou da man de Portugal, con máscaras como os Caretos de Podence e Parada, os Farrangalheiros de Castro Laboreiro ou os Caretos de Lazarim, reforzando o carácter transfronteirizo desta celebración.
O percorrido, que discorreu polo Campo da Feira, Toural, San Roque e Praza Maior, rematou na rúa das Mazairas, onde a festa continuou ata a noite cunha animada foliada ás 20.00 horas.
A programación, porén, xa comezara o venres no marco de ViBoCultura, cun ciclo de conferencias no IES Carlos Casares que afondaron no significado das máscaras. Destacaron relatorios como “Máscaras vivas, ritos, performances e arte mascarero”, a análise do Jaramplas como ritual festivo, ou a explicación da artesanía do peliqueiro, ademais da presentación dos toros e guirrios de León.
A xornada completouse cun ambiente festivo nas rúas e locais da vila, cunha foliada nocturna, a actuación da charanga BBB e o peche musical a cargo de Os Festicultores, consolidando así unha edición da Vibomask que reforza o papel de Viana do Bolo como referente do Entroido tradicional.
