Atención Primaria edita unha guía práctica para apoiar ás persoas coidadoras

Atención Primaria edita unha guía práctica para apoiar ás persoas coidadoras en Ourense, Verín e Valdeorras
Coincidindo co Día Mundial das Persoas Maiores, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras presentou unha nova edición da súa Guía para Persoas Coidadoras, un manual pensado para quen sosteñen o día a día de miles de persoas dependentes e inmobilizadas na provincia

Segundo os datos de Atención Primaria, 3.855 persoas inmobilizadas ou dependentes viven nos seus domicilios en Ourense, co apoio dun coidador informal ou familiar. A última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) cifra en máis de 13.000 os coidadores non remunerados na provincia, un colectivo maioritariamente formado por mulleres de entre 60 e 80 anos que residen no medio rural e atenden a maridos, nais, pais, sogros ou fillos.

A guía foi elaborada pola Subdirección de Enfermería de Atención Primaria con achegas de 18 profesionais sanitarios —principalmente de enfermaría, pero tamén fisioterapeutas, dietistas-nutricionistas, podólogos e traballadoras sociais—. Para a revisión participaron ademais dúas ducias de profesionais e preto de 30 persoas coidadoras de toda a provincia, con especial presenza de Valdeorras e Trives. Este proceso permitiu facer o manual máis comprensible, incorporar novos temas e engadir recursos e axudas sociais.

O manual recolle recomendacións sobre autocoidado, exercicios, mecánica corporal e saúde do chan pélvico, así como pautas de alimentación, uso seguro de medicamentos, actuación ante urxencias (atragoamentos, ictus ou hipoglucemias), técnicas de mobilización, prevención de caídas, coidados da pel, hixiene, incontinencia e descanso.

Escola de Coidadores e estratexia de cronicidade

Esta publicación complétase coa programación continuada de obradoiros da Escola de Coidadores, posta en marcha no marco da atención á cronicidade e á saúde comunitaria. O manual distribuirase entre as persoas participantes nos talleres e tamén entre coidadores profesionais que traballan no fogar.

Desde Atención Primaria destacan que esta guía pretende mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e visibilizar o labor dos coidadores, un colectivo esencial que moitas veces queda na sombra.

A presentación fíxose coincidir co Día Mundial das Persoas Maiores, instaurado polas Nacións Unidas en 1990 para sensibilizar sobre os retos e oportunidades do envellecemento e recoñecer as súas contribucións.