viernes. 29.03.2024
somoscomarcaobarco_lgtb_2023_orgullo__20231083 (1)
Buscan impulsar o primeiro Orgullo en Valdeorras para "visibilizalo" no rural

Conscientes das dificultades que supón concienciar dos dereitos LGTB no rural, un grupo de mozos dos Concellos da Rúa e O Barco buscan organizar o primeira festa Pride do Orgullo LGTB da historia de Valdeorras para visibilizar esta realidade e concienciar a xente das vilas sobre esta problemática, moitas veces descoñecida nas zonas máis rurais.  

O obxectivo deste grupo conformado por preto dunha vintena de persoas non é outro que «concienciar á sociedade sobre a necesidade de respectar os dereitos e a dignidade das persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero».

«Estamos tratando de facer o primeiro Pride de Valdeorras, que inclúa algún discurso sobre a defensa do colectivo e a súa inclusión na sociedade, algún micro aberto, con concertos e mesas redondas para conmemorar esta data e informar a xente disto», explican. 

somoscomarcaobarco_lgtb_2023_orgullo__20231083 (2)
Tres dos organizadores que queren que collamos o tren dos dereitos LGTBi

O Día Internacional do Orgullo LGTB celébrase o 28 de xuño pero como cae a mediados de semana xa barallan levara festa ao fin de semana posterior, posto que o previo é San Xoán. Esta data conmemora os disturbios acaecidos en 1969 en Estados Unidos en Stonewall, contra homosexuais e que derivou nunha serie de protestas espontáneas en defensa deste colectivo. 

Con isto presente, agora este grupo de mozos busca levar este tipo de iniciativas para concienciar a sociedade dos dereitos LGTBi ás zonas rurais e de interior, onde non existen tantas asociacións e unha rede que permita dar a coñecer esta realidade. 

Argumentan que «nas vilas non hai tanto coñecemento, en especial, entre a xente maior, que non está tan informada e concienciada» para reivindicar a importancia de «visibilizar isto nos pobos» levando estas outras realidades a todas as vilas da comarca. 

De feito, fan un chamamento a todos os veciños e veciñas de Valdeorras a participar nesta iniciativa a fin de coñecer e «respectar os dereitos e dignidade de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual au identidade de xénero». 

Conscientes de que facer un orgullo no rural galego «é todo un reto» que require moito traballo e compromiso da sociedade, lembran que precisamente no rural é onde hai máis «xente illada e invisibilizada», coincidindo co feito de que hai «menos recursos e menos presenza das asociacións»

«O Orgullo LGBT é unha oportunidade para lembrar que a loita pola igualdade de dereitos LGBT continúa en todo o mundo. Aínda queda moito por facer para acabar con discriminación e a violencia cara ás persoas LGBT», apunta este colectivo, que reivindica a importancia de levar os dereitos LGTB a todos os ámbitos como «a educación, o emprego, a saúde ou a violencia de xénero».

Buscan impulsar o primeiro Orgullo en Valdeorras para «visibilizalo» no rural