domingo. 08.06.2025

O CD Barco completa o seu plantel con dúas novas incorporacións

portada

O CD Barco cerra o seu plantel coa incorporación do central vasco, Asier Molinos e o extremeño Ivan Murillo. O equipo barquense xa non pode fichar máis por esta tempada, e o presidente do club, Daniel Ramos,  considera que "agora o plantel está máis compensado e que as novas fichaxes aportan a xuventude e velocidade que necesitaba o equipo".

Asier, de 23 anos, provén da canteira do Bilbao, e xogou no Racing de Santander, ademais de noutros equipos vascos. Vén cunha actitude positiva e disposto a levar o equipo ao máis alto da táboa: "yo creo que hay equipo para pelear por cosas más altas". Pero asegura que o mellor é "ir partido a partido, porque vamos a terminar donde nos merezcamos".

Pola súa banda, Iván Murillo que se formou na canteira do Raio Vallecano, considera que no CD Barco hai xogadores de calidade, pero que xogan "con mucha presión, hay que relajarse y jugar tranquilo. En cuanto consigamos dos victorias vamos a seguir para arriba". Iván apunta alto e afirma que o seu obxectivo é "jugar lo máximo posible, e intentar llegar al play off".

Daniel Ramos recoñece que entre os seus obxectivos non está o play off, pero si chegar ao máis alto da táboa posible. Ambos xogadores son sub-23 e xa debutaron co equipo barquense.

O CD Barco aproveitou a ocasión para prensentar a campaña "Escola de Valores", un proxecto no que colaboran o Centro Comercial Aberto e o Concello de O Barco. A este acto, ademais de Aurentino Alonso, tenente alcalde, e Sandra Moldes, presidenta do CCA, acudiu tamén Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, coa intención de dar apoio e visibilidade ao deporte valdeorrés.

A iniciativa busca fomentar o fútbol na comarca invitando aos máis cativos a ver un partido do CD Barco. Os pais dos nenos tamén dispoñerán dunha das 3.000 entradas gratuítas que se repartirán para o partido do vindeiro 5 de marzo ás 17:00 horas, onde o CD Barco se enfronta ao CD As Pontes en Calabagueiros. As entradas repartiranse tanto nas escolas como nos locais do Centro Comercial Aberto. Ademais, este ano, non só se repartirán en O Barco, senón tamén noutros concellos dos arredores, como A Rúa, Rubiá, Viana, A Veiga, Sobradelo, Castrocaldelas ou Vilamartín.

O CD Barco completa o seu plantel con dúas novas incorporacións