domingo. 29.01.2023

Finaliza o coworking da Rúa que deu vida a vinte proxectos empresariais

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na xornada de clausura. Referendou o compromiso da Xunta na posta en marcha de novas ideas de negocio a través da Rede de Polos de Emprendemento
somoscomarca_coworkin_cierre_arua_2022-10-19
Finaliza o coworking da Rúa que deu vida a vinte proxectos empresariais

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na xornada Demo Day que puxo fin ao espazo coworking promovido pola Xunta de Galicia na Rúa, que prestou apoio a vinte proxectos empresariais. No acto, Ardao referendou o compromiso do Goberno galego para coas políticas coordinadas de promoción das iniciativas de negocio, que veñen de acadar un fito coa posta en marcha da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, o primeiro deles en activo desde este verán en Verín para dar servizo á área Ourense centro e Sur.

A directora xeral anunciou que o próximo ano abriranse outros dous novos polos que darán servizo a rexión Miño Central e Valdeorras, co que se estenderá a cobertura dos seus servizos a todos os concellos da provincia. Galicia contará cun total de 12 centros antes de que remate 2023, cinco deles estarán activos este mesmo ano: Ourense Centro e Sur, Pontevedra Sur e Rías Baixas e Costa da Morte -xa en marcha- aos que sumarán outros dous en Ferrolterra e comarca de Lemos.

A través destes polos, detallou Ardao, ofrécese “unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial”. Trátase de brindarlles as ferramentas para que sexan capaces de emprender “en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios crezan e se poidan consolidar no tempo”, engadiu.  

Apoios ao traballo autónomo

A Xunta está tamén a fortalecer os negocios dos emprendedores xa constituídos e que destinará en 2023 un total de 30 millóns de euros a unha nova liña específica, Impacto Autónomo, “para dar unha axuda de ata 1.200 euros a cada autónomo a maiores dos programas comúns da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e axudalos a palíar as subidas de prezos, enerxéticas, de combustibles ou de materias primas”, indicou Ardao.

Ata o 4 de novembro, por outra banda, mantense aberto o prazo de solicitude das axudas do programa Xempre Emprendemento que con 2,8 millóns de euros quere apoiar ás persoas que emprenderon desde o 1 de xaneiro de 2020, en plena pandemia, e manteñen os seus negocios en activo. Poderán recibir axudas de 3.000 a 30.000 euros para sufragar cos gastos ordinarios asumidos neste 2022 entre outros para a adquisición de informática, mobiliario ou de eficiencia enerxética.

Todas estas medidas insírense estratexia Xempre Contigo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, coa que o Goberno galego está a impulsar a iniciativa empresarial no territorio e as políticas de apoio aos traballadores autónomos e á economía social.

Finaliza o coworking da Rúa que deu vida a vinte proxectos empresariais