
A Festa do Codillo apunta forte e, ao igual que a do Botelo, comeza a bater récords. A cola desta edición foi das máis madrugadoras de todas: pasadas as cinco da mañá, dúas persoas xa agardaban ás portas do Centro Cultural Avenida.
Os primeiros en chegar foron Manolo Barreira e Antonio, ambos membros do Orfeón Valdeorrés, que cada ano participa nesta festa gastronómica ruesa. Colleron 23 entradas —lembremos que cada persoa pode comprar ata 15— para repartir entre os integrantes da agrupación musical e como nos di Antonio. «sempre vamos cedo, máis ou menos sobre as cinco».

Carlos, que obtivo o número catro, chegou ás 5:30 horas e comentou: «Aínda que facía frío, a espera foi moi amena. Veu un grupo cunha mesa e cadeiras e seguiron de festa tomando uns cubatas». Entre risas, engadiu: «Pasámolo ben, aínda botamos unhas boas risas».
Ás 7:10 horas xa había unhas 68 persoas na cola, mentres que Roberto, que chegou ás 7:40, conseguiu o número 86. «Case me quedo sen entradas», confesou. Pouco antes das oito da mañá entregouse o número 95, que foi o último en obter entradas.

As portas do Avenida abríronse minutos antes das oito, coa alcaldesa, María González Albert, á fronte da «taquilla», entregando os números que garantían o dereito a comprar as entradas. Dúas horas despois, ás dez, comezou a venda, que apenas durou unha hora.
Puxéronse á venda 1.100 entradas, que se esgotaron co número 95. Ademais, quedaron en lista de agarda unhas 150 persoas.