
O concello da Rúa celebra o próximo 25 de xaneiro unha nova edición da súa tradicional Festa do Codillo, unha cita imprescindible no calendario festivo do municipio. A alcaldesa, María González Albert, destacou que o evento combinará gastronomía, homenaxes e música.
A festa contará con 1.100 entradas dispoñibles para o público, ás que se suman 100 entradas reservadas para convites, homenaxeados e colaboracións como Protección Civil. O custo da entrada será de 25 euros. A venda dará comezo o domingo 19 de xaneiro no Centro Cultural Avenida, onde as portas abrirán ás 8:00 para organizar aos asistentes, iniciándose a venda ás 10:00.
Entre as actividades programadas, ás 11:30 terá lugar a recepción á expedición de Almendralejo, unha delegación que visita a Rúa cada ano polo seru irmandamento. Ás 12:00, no Centro Cultural Avenida, celebrarase o acto de homenaxes.
Este ano recoñecerase o traballo da Fábrica Autoneum, que cumpre 20 anos de actividade na Rúa. Segundo a alcaldesa, «Autoneum ten unha relevancia moi importante». Ademais, renderase homenaxe a título póstumo a José Luís Prieto “Lilí”. Sobre el, María González Albert sinalou: «É unha persoa que, a pesar de non ser natural da Rúa, sempre mostrou un profundo compromiso co noso concello».
A partir das 14:00 abriranse as portas do Pavillón Municipal para a tradicional comida popular, na que o codillo será o gran protagonista. Durante o evento, o grupo musical No All Cansas será o encargado de animar a xornada, seguida dunha discomóvil organizada polo CD Rúa, que prolongará a festa ata a tarde.
O domingo 26 de xaneiro, a programación completarase cun concerto da Banda Santádega no Centro Cultural Avenida, a partir das 18:30. Este evento poñerá o broche de ouro a unha fin de semana dedicada á tradición, á gastronomía e ao recoñecemento das persoas e entidades que contribúen ao desenvolvemento do municipio.