
O Concello da Rúa amosa a súa preocupación pola problemática que xira en torno ao mal uso do servizo de recollida de lixo domiciliario. Segundo indica María González Albert, alcaldesa do municipio, é frecuente atopar nos contedores municipais residuos que non corresponden ao lixo doméstico, como rodas ou mobles, o que implica unha contía adicional para toda a veciñanza. «A xente ten que entender que o que contamina é o usuario particular», sinala.
Pola zona están distribuídos contedores separados para a correcta xestión dos residuos. Aínda así moitas persoas continúan a depositar materiais inadecuados, tanto no interior como ao carón.
Co obxectivo de mellorar esta situación porase en marcha, nos próximos días, unha campaña informativa para concienciar á poboación sobre a importancia dunha xestión responsable. «Isto non deixar de ser unha cousa de educación cívica», destaca a alcaldesa.
Ademais, lembra que existe un servizo gratuíto de recollida domiciliaria de residuos voluminosos —pódense depositar tamén no punto limpo—. Este servizo, que inclúe ir porta a porta busca facilitar a recolecta.
En relación á próxima suba da taxa municipal, impulsada por Sogama, as autoridades locais explican que se contemplarán rebaixas para aqueles veciños que fagan un uso axeitado do servizo. Por este motivo, «é importante que todos saibamos como debemos xestionar os desperdicios e así contribuír na redución dos custos para a comunidade», conclúe.
Si desexa escoitar a entrevista completa con María G. Albert pode facelo aquí: