domingo. 22.06.2025

Lingua e identidade: un encontro sobre «a fala», o galego de Valdeorras e Bierzo

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán presenta un dicionario colaborativo e afonda na riqueza lingüística da comarca nun evento que reúne investigadoras e especialistas para poñer en valor o patrimonio lingüístico de Valdeorras e do Bierzo
somoscomarca_20250329_arua_fundacionflorenciodelgadogurriaran_afalavaldeorresaedobierzo_margaridapizcueta (2)

Este sábado 29 de marzo, a Fundación Florencio Delgado Gurriararán inaugurou o seu programa de actividades de 2025 cunha xornada centrada na fala de Valdeorras e do Bierzo. O evento desenvolveuse no Centro Cultural Avenida da Rúa, onde se presentaron dous proxectos de investigación lingüística e un dicionario colaborativo do galego da comarca.

Baixo o título 'A fala valdeorresa e do Bierzo', o encontro contou coa participación da filóloga Noelia Estévez Rionegro, quen abordou a fraseoloxía da comarca, e Sara Rodríguez Fernández, graduada en Tradución e Interpretación, que presentou o seu Dicionario do galego do Bierzo. O evento foi conducido por Margarida Pizcueta Barreiro, membro da comisión de lingua da Fundación e concelleira de Cultura do Barco, quen presentou o Dicionario da fala valdeorresa, unha iniciativa colaborativa impulsada pola Fundación coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Tras o coloquio, a xornada continuou cunha visita a unha cova e adega tradicional en Vilela. Alí, os viticultores Pío González Rodríguez e Celia Martínez Díaz realizaron unha aproximación ao léxico tradicional do viño, poñendo en valor as expresións autóctonas relacionadas coa viticultura. A visita rematou cunha cata de viños e petiscos.

somoscomarca_20250329_arua_fundacionflorenciodelgadogurriaran_afalavaldeorresaedobierzo_margaridapizcueta (3)

Margarida Pizcueta: A presentación dun proxecto fundamental para a lingua galega

Na súa intervención, Pizcueta destacou a importancia deste proxecto como parte do traballo iniciado en 2016 para reivindicar a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, lembrando que xa o propio autor expresara o desexo de elaborar un dicionario do léxico da zona. Ademais, puxo en valor o apoio institucional recibido, especialmente por parte da Deputación de Ourense e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que financiaron a iniciativa.

Tamén quixo subliñar a relevancia da lexicografía para a preservación do patrimonio lingüístico e introduciu ás dúas poñentes do acto: Noelia Estévez, filóloga e investigadora, e Sara Rodríguez, especialista en lexicografía, quen compartiron os seus coñecementos sobre a elaboración de dicionarios e a riqueza do galego na comarca de Valdeorras.

Asemade, Pizcueta celebrou que a presentación fose protagonizada por mulleres, destacando a súa presenza en ámbitos culturais e científicos, e animou ao público a seguir apoiando este tipo de iniciativas que contribúen á valorización da lingua galega e da identidade local.

Noelia Estévez: A fraseoloxía como retrato lingüístico e cultural de Valdeorras

A condutora do acto presentaba así a Noelia: Naceu nesta rúa e, aos 17 anos, iniciou os seus estudos en Santiago. A súa entrada na investigación foi case casual, a través dun traballo universitario que acabou converténdose nunha tese. A partir de aí, desenvolveu a súa carreira en institucións prestixiosas como o Instituto da Lingua Galega, o Centro Ramón Piñeiro e as universidades de Vigo, Coimbra, Minho e Verona. Actualmente, é profesora permanente no Departamento de Didáctica da USC, onde forma futuros mestres e mestras, un labor fundamental para o noso futuro.

Na súa intervención, Noelia presentou un estudo sobre fraseoloxía realizado en 2014. Explicou que esta, estuda expresións pluriverbais fixas, como frases feitas, refráns e modismos. Analizou a evolución da fraseoloxía galega desde o século XVIII e destacou o papel de proxectos como o do Centro Ramón Piñeiro.

Centrando o seu estudo na fraseoloxía da comarca de Valdeorras, Noelia explicou como certos trazos lingüísticos específicos, como a dialectoloxía local e a presenza de castelanismos ou hiperenxebrismos, permiten identificar expresións propias da zona. Exemplificou isto con refráns e ditos que reflicten características culturais e xeográficas da comarca.

Tamén salientou a importancia da toponimia e das formas dialectais na identificación de frases propias da rexión, como a palatalización de certos adverbios ou a formación de plurais en -is. Finalmente, destacou como a fraseoloxía pode exaltar a beleza dos lugares ou reflectir rivalidades veciñais a través de ditos e cantigas populares».

Sara Rodríguez: O Galego do Bierzo, identidade, Lingua e Cultura

Sara Rodríguez Fernández, graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, con mestrado en Tradución Editorial pola Universidade Internacional de Valencia. Sara, berciana de nacemento, pero galega de corazón, ten unha forte ligazón coa lingua e a cultura galega, unha conexión que vén das súa raíces familiares e do seu compromiso co idioma.

Durante a súa intervención, Sara presentou o seu proxecto de investigación: o "Dicionario do Galego do Bierzo", unha obra que comezou como o seu Traballo de Fin de Grao e que posteriormente foi publicada pola Universidade de Vigo. O seu interese polo galego do Bierzo naceu da influencia da súa familia e da conciencia sobre a importancia da preservación do idioma. No Bierzo, o galego persiste con forza, especialmente entre as xeracións maiores, e é falado en numerosos municipios da zona occidental da comarca.

somoscomarca_20250329_arua_fundacionflorenciodelgadogurriaran_afalavaldeorresaedobierzo_margaridapizcueta (1)
De esquerda a dereita: Sara, Margarida e Noelia 

O traballo de Sara non se limitou á recompilación de termos, senón que foi un proceso de investigación profundo que inclúe fontes lexicográficas, hemerográficas e traballos previos sobre o galego do Bierzo. No seu inicio, a investigación contaba con entre 2.500 e 3.000 termos, pero grazas ao apoio de expertos como Xosé Enrique Costas e Alberto Álvarez Lugrís, logrou expandilo ata 15.000 termos, incluíndo variantes e sinónimos.

O "Dicionario do Galego do Bierzo" busca ser unha ferramenta fundamental para a preservación e divulgación do galego nesta rexión, especialmente nun contexto onde a xuventude ten menos contacto diario co idioma. A pesar do interese crecente polo estudo do galego nas escolas e institutos do Bierzo, Sara destacou a necesidade de integrar mellor a lingua no currículo escolar e fomentar o seu uso en ámbitos oficiais, xornalísticos e literarios.

somoscomarca_20250329_arua_fundacionflorenciodelgadogurriaran_afalavaldeorresaedobierzo_margaridapizcueta (4)
)

Ademais da importancia do ensino, outro aspecto fundamental é a toponimia, que reflicte a identidade lingüística da rexión. A investigadora chamou á acción para que escritores bercianos se animen a publicar en galego, contribuíndo a manter viva a lingua na literatura e na comunicación institucional.

Este proxecto non só documenta o galego do Bierzo, senón que representa un esforzo activo por protexer e dinamizar unha variante da lingua galega que, aínda estando fóra dos límites administrativos de Galicia, segue sendo parte fundamental do seu patrimonio lingüístico e cultural.

Lingua e identidade: un encontro sobre «a fala», o galego de Valdeorras e Bierzo