domingo. 05.04.2026

A sardiña ardeu… e con ela os excesos do Entroido na Rúa Vella

Laio, cantos, doces e licor café nun Enterro da Sardiña que volveu cumprir coa tradición na parroquia de Santo Estevo da Rúa

Un ano máis, e como manda o costume, a parroquia de Santo Estevo da Rúa despediu o Entroido entre choros sentidos —ou non tanto—, cantos repetidas ata a saciedade, bandexas de doces e máis dun grolo de licor café que axudou a levar mellor a pena.

somoscomaca_aruavella_enterrodasardiña (16)

Pouco antes das oito da tarde abríanse as portas do local situado no atrio da igrexa e comezaban a chegar os fieis do ritual —veciños, veciñas e curiosos— que acompañaban ás mulleres encargadas de velar a sardiña.

somoscomaca_aruavella_enterrodasardiña (17)
Dunha parte o relixioso e doutra o carnal

Un velorio como «Deus manda», onde non faltaron a torta de roxóns, a bica, a larpeira, o pastel de chocolate, o licor café, o augardente de herbas… nin os cánticos que se repiten ano tras ano, eses que xa saen sós, case sen pensalos.

somoscomaca_aruavella_enterrodasardiña (15)
Carmen ofrecendo aos asistentes un biscoito de chocolate e na outra torta de roxóns

A sardiña foi velada entre ducias de rueses, cun clero e un sancristán, tal e como manda a canción. Entre bocado e bocado, entre laios máis ou menos sentidos e cantigas ás veces tristes e outras máis festivas —co inevitable “Solo te pido, solo te pido, que me hagas la vida agradable…”— ía chegando cada vez máis xente, porque aquí, cando hai Enterro da Sardiña, ninguén quere faltar.

somoscomaca_aruavella_enterrodasardiña (12)
Choronas no velorio

Cara ás oito e media da tarde saía o cortexo fúnebre en dirección á praza de César Conti. Alí rodeouse a farola onde agardaban o Lardeiro e a Lardeira, aínda con boa cara… polo de agora. Antes de proceder á queima, o señor bispo recitou as súas “cantigas con moita retranca”, ás que seguiu o señor cura, que pediu silencio —máis ou menos— para elevar unha oración como manda o rito: “Alcemos por ela unha oración e recitémola con devoción. Que ao ceo suba a alma da nosa sardiña, que Deus a acolla como se fose unha raíña…”

Os presentes tiveron que botar unha gargallada cando o cura freou o rezo xa que non vía porque a luz da farola era moi débil e os ollos non estaban para letra tan pequena.

somoscomarca_202600218_obarco_entierrosardina3024

Co inevitable amén dos presentes, o cortexo retomou o camiño cara ao lugar da queima, entoando con forza o clásico e irrepetible cántico:“A sardiña xa morreu e ímola enterrar, sete ducias de rueses, un crego e un sancristán”, deixando claro que aquí tradición e retranca van sempre da man.

somoscomaca_aruavella_enterrodasardiña (6)

Chegado o momento solemne —e máis esperado— prendeu lume á sardiña, ardendo con ela tamén o Lardeiro e a Lardeira, que este ano lucían as facianas ben recoñecibles de Julio Iglesias e Ana Obregón, nunha queima simbólica que arrincou risas, aplausos e algún comentario con retranca, deses que non se poden reproducir pero que todos entendemos.

somoscomaca_aruavella_enterrodasardiña (5)

Xa co Entroido oficialmente reducido a cinzas, chegou o momento de repoñer forzas: bocadillos de sardiñas, refrescos e viños, cortesía do Concello, repartidos pola propia alcaldesa, María González Albert, nun xesto que puxo o broche perfecto á xornada.

somoscomaca_aruavella_enterrodasardiña (4)

E así, entre fume, gargalladas e bo ambiente, despediuse don Carnal e deixouse pasar, sen moita présa, a dona Coresma. Porque aquí cúmprese coa tradición, si… pero sempre cun sorriso, algo de picardía e a promesa de volver o ano que vén a chorar —e rir— pola nosa querida sardiña.

 

A sardiña ardeu… e con ela os excesos do Entroido na Rúa Vella