O desfile de Martes de Carnaval na Rúa encheu as rúas de cor, música e coreografías. Centos de persoas congregáronse ao longo do percorrido para gozar dun espectáculo no que a creatividade foi a gran protagonista.
O encargado de dar o pistoletazo de saída foi o Folión de Petín, que fixo retumbar o aire co son potente dos seus bombos, marcando o ritmo dunha comitiva que non deixou de sorprender. Tras eles, nove comparsas desfilaron exhibindo traballados disfraces e elaboradas postas en escena.
Entre as participantes atopábanse as Vudú Girls, As Setas en Festa —chegadas desde Petín—, os Egipcios de Quereño e Cartas Uno da ludoteca, que espertaron os aplausos do público pola súa orixinalidade. Tampouco faltaron a Banda Calabria da Rúa, que encandilou cos seus bailes cheos de ritmo, nin A Ruada.
A reivindicación tamén tivo o seu oco con La Isla es Nuestra, cunha posta en escena centrada en Groenlandia, mentres que As Abellas do Sil e Ponte Ferro de San Clodio completaron unha comitiva diversa e animada.
O desfile puxo o seu broche final na rúa Doutor Vila, onde cada unha das comparsas realizou a súa derradeira actuación ante o xurado. O peche musical correu a cargo da Charanga TDB, que puxo a nota festiva final a unha tarde na que A Rúa volveu demostrar que o Entroido é sinónimo de participación.
