jueves. 05.06.2025

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán anuncia eventos culturais sobre lingua, poesía, Castelao, educación e unha nova Florenciada

A primeira actividade será o 29 de marzo na Rúa cunha xornada sobre a fala valdeorresa na que se presentará un dicionario en liña
somoscomarca_20250318_arua_biblioteca_programacioncultural_fundacionflorenciodelgado (1)
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán anuncia eventos culturais sobre lingua, poesía, Castelao, educación e unha nova Florenciada

Unha acción cultural diversa e itinerante por diferentes espazos de Valdeorras. Ese é o plan para o 2025 presentado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán (FFDG), que este martes 18 de marzo deu a coñecer a súa programación na Biblioteca Pública da Rúa.

O acto contou coa presenza da alcaldesa da Rúa, María González Albert, dos patronos da Fundación Miguel Bautista e Aurelio Blanco Trincado, e das representantes municipais Ana Vizcaya, e María del Carmen Álvarez, en nome do Concello da Rúa, e polo Concello de O Barco Margarida Pizcueta.

O programa presentado inclúe xornadas culturais con conferencias e visitas ao territorio dedicadas á lingua e a Castelao, a sexta edición do Premio de Poesía, a recuperación da Florenciada en Córgomo como celebración popular do Día das Letras Galegas, o regreso das Noites de Teatro no Verán e un encontro educativo. Ademais, a Fundación porá en marcha un Dicionario Valdeorrés en liña e participativo, no que colaborarán centros educativos e asociacións veciñais.

somoscomarca_20250318_arua_biblioteca_programacioncultural_fundacionflorenciodelgado_aurelioblanco_anavizcaya_mariaalbert_miguelbautista_margaridapizcueta_maricarmanalvarez (2)
Aurelio Blanco Trincado, Ana Vizcaya, María G. Albert, Miguel Bautista, Margarida Pizcueta y Mª del Carmen Álvarez

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, destacou que esta programación demostra que a cultura non está só nas cidades, senón que tamén pode desenvolverse con forza en espazos menos poboados. «Desde espazos con pouca poboación, como a nosa comarca, podemos ofrecer unha programación cultural ao nivel de calquera outro lugar», asegurou.

Desde a Fundación puxeron en valor a apertura da entidade á cidadanía a través da creación de diversas comisións de traballo. Como explicou Aurelio Blanco Trincado, «en marcha están xa a Comisión de Lingua, que marcará as liñas do novo Dicionario Valdeorrés, e a Comisión de Didáctica, que establecerá un espazo de diálogo cos centros educativos da comarca. En breve activaranse tamén as Comisións de Literatura, Historia, Territorio e Artes».

O patrono Miguel Bautista detallou as actividades previstas para este ano, entre as que se inclúe a convocatoria da sexta edición do Premio de Poesía en abril, a celebración da Florenciada en Córgomo polo Día das Letras Galegas e o regreso das Noites de Teatro no Verán, recuperando a tradición do teatro afeccionado. Tamén se organizarán encontros educativos en centros de primaria para poñer en valor a historia e o patrimonio da comarca.

A primeira cita: xornada sobre a fala valdeorresa o 29 de marzo

A primeira actividade do calendario será o sábado 29 de marzo, cunha xornada cultural dedicada á fala valdeorresa. A sesión arrincará ás 11:30 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa, cun ciclo de palestras titulado A fala valdeorresa e do Bierzo.

A representante do Concello da Rúa na Fundación, Ana Vizcaya, presentou esta iniciativa, que contará coa participación das filólogas e investigadoras Noelia Estévez Rionegro, natural da Rúa, quen introducirá o seu traballo Fraseoloxía do noroeste de Valdeorras, e Sara Rodríguez Fernández, nacida en Carracedelo e autora do Dicionario do Galego no Bierzo. Ademais, nesta xornada darase a coñecer a plataforma en liña do Dicionario Valdeorrés, que leva meses en desenvolvemento coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Tras as conferencias, ás 13:00 horas, a xornada continuará cunha visita a unha adega e cova tradicional da Rúa, onde se desenvolverá a actividade O léxico do viño. A visita terá lugar na zona de covas do Porto da Costa, en Vilela, e contará coa colaboración dos viticultores Pío González Rodríguez e Celia Martínez Díaz.

A alcaldesa da Rúa puxo en valor que esta primeira cita do ano vaia desenvolverse no municipio e destacou a diversidade da programación. «Queremos que a xente de toda Valdeorras se implique na cultura da comarca, porque é rica e diversa», afirmou. O acceso ás palestras será libre ata completar aforo, mentres que para participar na visita á adega será necesaria unha inscrición previa a través da web da Fundación, xa que as prazas son limitadas.

Desde a Fundación destacaron que a súa actividade non se limitará exclusivamente á figura de Florencio Delgado Gurriarán, senón que se ampliará á promoción doutros intelectuais, creadores e científicos vinculados a Valdeorras. «Queremos poñer en valor a outros intelectuais e tamén traballar en iniciativas relacionadas co benestar e a calidade de vida», explicó Aurelio Blanco Trincado.

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán anuncia eventos culturais sobre lingua, poesía,...