domingo. 21.12.2025

Cando a música tradicional se converte en solidariedade

O Festival de Nadal de Abertal uniu xeracións no Centro Cultural Avenida da Rúa a beneficio da Fundación Andrea.

O Centro Cultural Avenida da Rúa acolleu este sábado a celebración do Festival Benéfico de Nadal da Asociación Cultural Abertal, unha cita solidaria e cultural presentada polo xornalista Jorge Isla, que reuniu música, canto e baile tradicional galego cun claro fin benéfico.

O festival tivo como obxectivo recadar fondos para a Fundación Andrea, entidade que presta apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, así como ás súas familias. Antes e despois do acto, o público puido colaborar realizando achegas solidarias á entrada do recinto.

O evento deu comezo cun solo de gaita, ao que se foi incorporando progresivamente a percusión, creando unha posta en escena gradual e emotiva que marcou o inicio dunha tarde na que a tradición foi protagonista. Ao longo do festival, Isla foi dando paso ás distintas actuacións e presentando aos mestres da Escola de Música e Baile Tradicional Abertal, destacando o seu labor pedagóxico e artístico.

somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (10)
O presentador do festuval, Jorge Isla e o  director da Banda de Gaitas Abertal e mestre de gaita, Diego Prieto González

O director da Banda de Gaitas Abertal e mestre de gaita, Diego Prieto González, foi presentado como unha das pezas clave da formación. Titulado como Gran Profesional de Gaita Galega, Prieto conta cunha ampla traxectoria na investigación, recuperación e difusión da música tradicional, ademais de ser fundador da escola Tradigaita e gañador de importantes premios a nivel estatal e internacional.

somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (11)
Xilda Durán, mestra de percusión e pandeireta

No eido da percusión, a presentación recaeu en Xilda Durán, mestra de percusión e pandeireta, cunha sólida formación musical e unha ampla experiencia docente. O seu labor destaca pola transmisión das técnicas da percusión tradicional galega e pola súa continua formación noutras disciplinas musicais, contribuíndo a unha formación integral do alumnado.

somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (17)
O mestre de de canto e baile tradicional, Manolo Cobas

O responsable de canto e baile tradicional, Manolo Cobas, foi o encargado de introducir a segunda parte do festival, dedicada ao canto e ao baile. Mestre desde 1994, Cobas imparte clases en diversas asociacións e centros educativos, sendo unha figura de referencia na transmisión da tradición oral e coreográfica galega.

somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (18)
Jesús Lorenzo, mestre de acordeón da Escola Abertal

Xunto a el, tamén se presentou a Jesús Lorenzo, mestre de acordeón da Escola Abertal, cunha longa traxectoria formativa dentro da propia asociación e noutras institucións musicais. Pasou por todas as seccións: baile, gaita, percusión,  acordeón e na actualidade como mestre deste mismo instrumento. Forma e formou parte dunha longa lista de formacións musicais de distinta íntole e nestes momentos encóntrase cursando o grau mestre de Educación Primaria na Universidade da Rioja.

somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (5)
somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (5)

Manolo Cobas explicou o significado dos traxes brancos empregados nas actuacións de Nadal, sinalando que forman parte do ciclo anual da tradición galega e que se utilizaban especialmente nas danzas de Reis, coñecidas como ranchos de reis, moi estendidas no sur da provincia de Pontevedra. Estes traxes, tanto en homes como en mulleres, caracterízanse polo uso do branco e polos complementos tradicionais, e eran empregados nas cantigas e danzas que se realizaban durante a noite previa ao Día de Reis.

somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (22)
O Apalpador

Non faltou o apalpador nesta gala tan tradicional. Trátase dunn carboneiro con vestiario andraxoso que en noitevella entra nas casas, visita aos nenos, pálapalles a barriga e, se no está chea,  deíxalles unha presa de castañas.

somoscomarca_arua_abertal_festivalnadal (23)
Baile dos máis pequechos

O festival contou coa participación do alumnado máis novo, así como dos grupos de adolescentes e adultos, que interpretaron diferentes pezas tradicionais, demostrando o carácter interxeracional da Escola Abertal.

O Festival Benéfico de Nadal de Abertal volveu poñer de manifesto o compromiso da asociación coa cultura tradicional galega e coa solidariedade, nunha tarde na que a música, o baile e o canto serviron tamén para apoiar unha causa social

Cando a música tradicional se converte en solidariedade