
O Consello da Xunta ratificou onte os acordos adoptados polos plenos dos consorcios contra incendios e salvamento da Comarcas de Valdeorras, no cale se aprobaba a súa disolución, para a posterior integración no Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, con efectos desde o 1 de xullo de 2016, co obxectivo de homoxeneizar o servizo e cubrir a totalidade da provincia de Ourense.
Xunta e Deputación de Ourense consideran que a forma máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio, e consideran esta fórmula como a organización idónea, ao integrar os consorcios comarcais de Valdeorras, Verín, A Limia e O Carballiño- O Ribeiro e aqueloutros que se poidan integrar, constituír ou equipar. Desta maneira, os catro consorcios comarcais con que conta a provincia de Ourense serán disoltos para a súa integración e intégranse no consorcio provincial, coa achega por cada un deles dos medios técnicos e dos recursos con que conta.
O Consorcio Provincial de Ourense ten como obxectivo desenvolver competencias do Servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento, ao executar labores de prevención, extinción de incendios e salvamento que se lles atribúen na lexislación aos entes consorciados, mediante a xestión e coordinación dos parques, para garantir a prestación homoxénea do servizo.
Entre os fins do Consorcio están a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens; a prevención e extinción de incendios; a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco; e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade, que afecten persoas, edificacións e instalacións, así como o fomento da autoprotección.