jueves. 18.04.2024
somoscomarca_centrosaludbarco_Captura
A Área Sanitaria convoca 72 prazas polo sistema de concurso de méritos

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde,  pola que se convoca o segundo proceso selectivo para acceso a prazas polo sistema de concurso de méritos. O persoal que supere o proceso obterá a praza fixa no posto que obteña na atención primaria.

Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal médico de familia, Galicia xa convocou, no pasado ano e mediante este sistema, 106 prazas que están todas cubertas. Galicia converteuse na primeira comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médicos para prazas con dificultades de cobertura.

Os postos levan un complemento adicional de 2.200 euros anuais. Dezaoito deles están en zonas de illamento ás que se teñen subido tamén as retribucións. Actualmente, o salario inicial destes postos (sen carreira nin trienios) supera os 70.000 euros, con xornada ordinaria de luns a venres así como dúas gardas ao mes como máximo, con libranza. 

Esta convocatoria ten como obxectivo cubrir as prazas con persoal fixo na atención primaria e que compartan tamén traballo de gardas nos PAC , dando así resposta áxil e adecuada ás necesidades de atención primaria, medidas ante as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais de medicina de familia.

Mediante esta segunda convocatoria, que está previsto resolverse tralo verán,  terá como resultado a cobertura de 178 prazas de médicos en atención primaria con destino definitivo.

O número total de prazas que se convocan neste proceso é de 72, das cales 50 corresponden á quenda de acceso libre, 4 resérvanse para o seu acceso por persoas con discapacidade, e 18 prazas poden obterse por promoción interna.

O acceso sen proba de exame, resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras. O prazo de solicitude  abre mañá, ata o 9 de xuño, para permitir participar a aqueles MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e que están a piques de rematar a súa formación.

Nesta convocatoria, todas as áreas ofertan prazas, as máis numerosas en Ourense con 23. Entre as características destas prazas, 51 son en quenda de mañá e as restantes de tarde e deslizantes. En canto á prestación de servizos terán a súa cota de pacientes e tamén atención sanitaria nos Puntos de Atención Continuada (PAC) cun máximo de dúas gardas ao mes e libranza correspondente.

Os postos en centros clasificados como de difícil cobertura por illamento son 18, que teñen remuneracións adicionais polas características de illamento e soidade. Estes complementos tiveron unha subida do dobre do seu valor no acordo acadado no mes de xullo de 2022 cos sindicatos de mesa sectorial . A xornada de gardas en PAC tamén ten incrementado o seu valor de 26 euros a 28 euros hora, segundo o recente acordo acadado en mesa sectorial.

As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, no modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/ expedient-e/Sección de Procesos/Concurso de Méritos). Así, o prazo de presentación de solicitudes estenderase desde mañá, 16 de maio, ata o próximo 9 de xuño.

Dunha maneira particular, e para os efectos de posibilitar a participación do persoal médico residente (MIR) que está actualmente no seu último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, amplíase o prazo de acreditación do título da especialidade e dos méritos asociados a este, que poderán presentarse ata o último día do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos e excluídos do proceso.

A convocatoria establece un procedemento que permite que, no suposto de non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido dalgún aspirante seleccionado, a Administración sanitaria poida seleccionar a novos aspirantes, atendendo á puntuación que resulte da lista definitiva do proceso entre aqueles aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.

As persoas seleccionadas neste proceso, unha vez acrediten dous anos de permanencia na situación de servizo activo no desenvolvemento das funcións desta categoría, poderán participar, por promoción interna, nos procesos de selección fixo para o acceso ás categorías de persoal médico de familia, de urxencias hospitalarias ou persoal médico de hospitalización a domicilio, para as que habilita a mesma titulación de acceso.

Así mesmo, transcorrido un ano desde a toma de posesión poderán participar no concurso de traslados aberto e permanente para o acceso a outros destinos da mesma categoría, dentro do Servizo Galego de Saúde.

A Área Sanitaria convoca 72 prazas polo sistema de concurso de méritos