
O evento de Nadal organizado pola Deputación de Ourense, Pazolandia, finalizou a súa edición deste ano cun balance moi positivo. Durante os días de apertura, preto de 26.000 persoas —exactamente 25.839, 500 máis que o ano pasado— visitaron as instalacións do Pazo Paco Paz para desfrutar dunha ampla oferta de atraccións para todas as idades. Ademais, un 10% dos asistentes procedían de fóra da provincia, destacando a súa capacidade de atracción a nivel galego.
A venda de entradas en liña rexistrou tamén un aumento significativo, pasando de 14.349 a 15.470 billetes despachados nesta edición, o que reflicte o interese crecente polo evento. O prezo das entradas mantívose nos 5 euros, cunha tarifa reducida de 4 euros para grupos organizados desde concellos da provincia.
Un dos aspectos máis valorados este ano foi a aposta pola inclusión. Os nenos e nenas con trastornos do espectro autista (TEA) contaron con pulseiras de acceso prioritario, evitando esperas longas, e puideron desfrutar dun evento máis accesible grazas á restrición de emisións acústicas. Ademais, habilitouse unha zona de calma con espazos para relaxación, un servizo que foi moi ben recibido polas familias.
Outra das grandes novidades foi a introdución da pista de patinaxe sobre xeo e a atracción exterior “Martillo Kamikace”, un péndulo de dobre eixo con xiros de 360 graos, que se sumaron aos máis de 8.000 metros de actividades repartidos entre os pavillóns interiores e exteriores.
No pavillón auxiliar, os máis pequenos gozaron de atraccións como inchables, carruseis, un tren familiar e a ludoteca con parque de bolas. O pavillón principal ofreceu actividades como tirachinas, unha montaña rusa, un circuíto de motos e obradoiros creativos. Na primeira planta, simuladores de condución e as últimas novidades en videoxogos completaron a oferta.