domingo 24/10/21

O BNG reclama a paralización dos parques eólicos de Avintia

Os parques teñen previsto ocupar terras de Vilamartín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas e Trives

Representantes do BNG das comarcas de Valdeorras e Lugo Sur manifestáronse de novo contra a instalación de cinco parques eólicos que, partindo da Serra do Cereixido, teñen previsto ocupar terras dos concellos de Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas e Trives.



Así, representantes do BNG de Quiroga e A Rúa, acompañados polas deputadas do BNG Carme Aira e Maria Albert, achegáronse até os terreos nos que está prevista a implantación dos eólicos para comprobar de
primeira man o impacto ambiental e patrimonial que tería
a instalación desta industria nun espazo que no 2008 se prevía como de expansión da Rede Natura.

Neste contexto Carme Aira alertou da “invasión eólica que está a promover a Xunta de Galiza sen acordo social, sen planificación real e sen retorno económico no territorio”. Desde a organización nacionalista remarcaron que o BNG ten presentado xa distintas iniciativas nos concellos e no Parlamento reclamando a paralización destes proxectos “fraccionados irregularmente”, en palabras de Aira, obtendo o veto do Partido Popular como resposta.



Neste sentido a tamén deputada Maria Albert subliñou que “o Bloque Nacionalista Galego ten presentado alegacións a estes proxectos referidas non só a ese fraccionamento ilexítimo senón tamén ás afeccións que sobre o territorio e o patrimonio terían os aeroxeneradores e as liñas de evacuación que percorrerían o territorio até descargar na subestación de Trives”.

Un aspecto que o BNG remarcou tamén polo seu impacto irreversíbel é a afectación das poligonais destes parques aos usos permitidos do solo, ao converter en industrial unha grande superficie que hoxe ten usos forestais, agrícolas ou gandeiros e incluso núcleos de poboación na súa totalidade.

O BNG entende que “é prioritario consensuar un novo Plan Sectorial Eólico que protexa as zonas sensíbeis, que garanta o retorno económico e en postos de traballo no territorio e que non incida no expolio enerxético no que tan cómodo parece atoparse o goberno da Xunta de Galiza”, destacou Carme Aira.



Por último, Maria Albert subliñou que o BNG continuará a realizar xuntanzas coas entidades e concellos afectados para “tratar de suplir falta de información e o escurantismo promovido polo PP para evitar resposta social”.

O BNG reclama a paralización dos parques eólicos de Avintia