
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co presidente da Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia, Moisés Blanco, con quen analizou temas referidos a medio rural e tecnoloxías da comunicación. En concreto, Baltar instou a Moisés Blanco a que a Xunta de Galicia dispoña actuacións que permitan dotar de servizos de banda larga ultrarrápida ás empresas do rural. "Trátase –afirma o presidente provincial- de rachar coa desigualdade dixital fronte ás empresas de zonas máis urbanas, aumentando así a súa competitividade".
Baltar puxo como exemplo a necesaria actuación no parque empresarial de Pontedeva, cuestión que xa trasladou en varias ocasiones á Axencia para a Modernización Tecnolóxica do goberno autonómico, e apuntou ao presidente da Comisión de Agricultura, "a necesaria actuación conxunta e coordinada da Xunta de Galicia e do Goberno de España no despregue de redes de acceso de nova xeración (RNA), de moi alta velocidade (100Mbps), empregando para elo os fondos europeos dos que dispoñen ámbalas dúas administracións para tal cometido".
Manuel Baltar e Moisés Blanco entenden que o Goberno da nación debería de obrigar aos operadores que resultaron adxudicatarios de bloques de frecuencias na banda de 800 Mhz a completar conxuntamente -e antes do 1 de xaneiro de 2020- unha cobertura que permita, como mínimo, ao 90 % dos residentes en poboacións de menos de 5.000 habitantes ter acceso a unha velocidade de 30 megabits por segundo. "Estamos a falar de dereitos cidadáns e de equilibrio territorial, dúas esferas de actuación prioritarias", remarca Manuel Baltar.