A Delegación do Goberno en Galicia reuniu este martes en A Coruña aos equipos estatais que participaron na loita contra os incendios que este verán arrasaron máis de 170.000 hectáreas na comunidade. O delegado do Goberno, Pedro Blanco, agradeceu o labor exemplar” e o compromiso de servizo público dos efectivos nunha crise que cualificou como a peor da historia de Galicia, con aldeas evacuadas, paisaxes devastadas e un ceo escurecido durante días. «Galicia sentiu medo, pero tamén sentiu algo máis poderoso: orgullo dos que o destes todo para protexer esta terra», afirmou.
Blanco lembrou que o Goberno despregou o maior operativo visto nunca na comunidade, con máis de 3.000 efectivos mobilizados de maneira simultánea nos momentos máis críticos. No acto recoñeceuse o labor da Unidade Militar de Emerxencias —co maior despregamento da súa historia en Galicia—, do Exército do Aire e do Espazo, da BRILAT, das BRIF do Ministerio para a Transición Ecolóxica, da Garda Civil, da Policía Nacional, de Tráfico e do Seprona, así como dos equipos internacionais chegados por primeira vez a Galicia a través do Mecanismo Europeo de Protección Civil, con medios procedentes de Francia, Finlandia, Estonia e Romanía.
O delegado destacou tamén o traballo do equipo de Protección Civil da Delegación do Goberno e agradeceu o labor dos subdelegados e subdelegadas das catro provincias, ás que recoñeceu por estar “día e noite, no terreo, vendo o fume e sendo conscientes dos perigos”. Blanco recordou que Galicia foi o primeiro lugar visitado polo presidente Pedro Sánchez no momento máis crítico da crise, así como polos ministros Fernando Grande-Marlaska, Margarita Robles e Luis Planas, “demostrando que Galicia é unha prioridade”.
Sobre a coordinación institucional, asegurou que a colaboración coa Xunta foi absoluta, leal e constante e ofreceu ao presidente Alfonso Rueda sumar Galicia ao Pacto de Estado polo Clima. Advertiu de que o cambio climático é unha realidade e defendeu que os incendios se combaten con profesionais, cun sistema público forte, planificación, investimento e prevención. Tamén puxo en valor a aprobación do coeficiente redutor da idade de xubilación para os bombeiros forestais, fronte aos recentes despedimentos de brigadistas por parte da Xunta.
O acto contou ademais coas intervencións do tenente coronel Pablo Samaniego Pérez (UME), que definiu a campaña como unha das máis complicadas; do coordinador da BRIF de Laza, Bruno Ondoño Álvarez, que destacou a importancia da prevención e lembrou que a súa unidade realizou 83 intervencións; do xeneral da 15ª Zona, Miguel Ángel González Arias, que detallou máis de 35.000 servizos da Garda Civil durante a crise; e do cónsul honorario de Romanía, Diego Esquer Rufilanchas, que salientou a cooperación europea neste operativo sen precedentes.
Blanco pechou o acto asegurando que o Goberno seguirá reforzando medios e protocolos: «O lume apagouse, pero o noso compromiso non. Estaremos aquí hoxe, mañá e sempre. Porque Galicia nunca esquecerá o que fixestes».


