
A campaña de vacinación contra a gripe e a covid-19 en Valdeorras está a avanzar, aínda que con datos que xeran certa inquietude entre os profesionais sanitarios.
Gemma Rodríguez, enfermeira de familia comunitaria e coordinadora na zona, informou de que a vacinación nas residencias xa se completou con éxito, e que esta semana espera rematar coa destinada aos maiores de 80 anos.
«Os primeiros días a xente acudiu de forma masiva, pero xa estamos vendo un decaemento. Andamos polo 65% de persoas inmunizadas, que é moi pouco», sinalou, facendo fincapé na importancia de vacinar a un grupo tan vulnerable.
Nas residencias, segundo Rodríguez, a cobertura foi moi elevada. «Atopamos xente que non acude ou non quere. Aínda temos que esperar a rematar, pero pode darse que os datos non sexan tan bos como parecía inicialmente», explicou.
A enfermeira advertiu da importancia de manter altas taxas de vacinación e así evitar sobrecargar os hospitais con casos graves de gripe ou covid-19, especialmente entre as persoas maiores de 60 anos e os grupos de risco por enfermidades crónicas.
«O ano pasado houbo un aumento moi importante de ingresos por complicacións da gripe na franxa de 60 a 70 anos», recordou, destacando a necesidade de protexer ás persoas con enfermidades respiratorias, cardíacas ou diabetes.
Rodríguez tamén explicou que a este xesto axuda a xerar defensas contra os virus, pero que é necesario inmunizarse cada ano, xa que as defensas non duran o suficiente ou as cepas do virus poden cambiar. «Unha vacina o que fai é xerar defensas», apuntou, facendo un chamamento á cidadanía para que se vacine e axude a protexer a saúde colectiva.
Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí: