domingo. 08.06.2025

A nova tempada de Galicia a todo tren realiza a primeira viaxe pola ruta do Viño de Valdeorras

Onte partiu de Ourense a primeira viaxe do tren do Viño de Valdeorras - Ribeira Sacra, un dos nove itinerarios temáticos que este verano percorrerán Galicia no marco da cuarta edición do programa de trens turísticos "Galicia a todo tren”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, RENFE e Deputación de Ourense a través do INORDE. Os viaxeiros tamén podían percorrer hoxe a Ruta dos Faros, posta en marcha a fin de semana pasada xunto coa que percorre a Ribeira Sacra.

Nesta nova edición increméntase a oferta global en 84 novas prazas grazas aos bos resultados obtidos na edición anterior, na que se obtivo unha ocupación do 87%, superando os 2.200 pasaxeiros, fronte aos 600 da primeira edición, e cun incremento de cinco puntos porcentuais con relación a 2014.

Este verán tamén se poñen en marcha dúas novas rutas dos trens turísticos: a “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”. Polo tanto, en distintas datas entre xuño e outubro de 2016, un total de nove trens turísticos percorrerán outras tantas rutas temáticas.

A oferta deste programa compleméntase, un ano máis, co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.

Ademais, este ano Santiago recibirá a visita do tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Al-Andalus. Será a primeira vez na historia que este convoi viaxe entre Madrid, a comunidade autónoma española de onde procederon máis peregrinos en 2015, e Santiago de Compostela, meta xacobea. O tren realizará unha viaxe en xullo e outra en agosto, marcando un fito histórico de gran importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago.

A Ruta do Viño de Valdeorras – Ribeira Sacra ten o seu punto de saída na estación de Ourense e percorre os territorios de dúas denominacións de orixe, a da Valdeorras e a da Ribeira Sacra, co río Sil como nexo común. Inclúe un cruceiro en catamarán pola Ribeira Sacra e visitas ao Santuario das Ermidas, á Estación e á Aula do Ferrocarril dos Peares e á adega A Coroa, unha das pioneiras na elaboración da uva godello e mencía como monovarietais.

A nova tempada de Galicia a todo tren realiza a primeira viaxe pola ruta do Viño de...