
O pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, que integran a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, acordou esta mañá a implantación dun modelo de xestión directa nos catro parques de bombeiros que compoñen este servizo, isto é os do Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras, así como a subrogación como persoal propio dos 75 bombeiros que traballan nas citadas instalacións. Un cambio de xestión que será efectivo a partir do día 1 de febreiro.
A reunión celebrouse no Pazo Provincial coa asistencia do presidente do consorcio e deputado de Cooperación, Pablo Pérez; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o subdirector xeral de Seguridade e Coordinación, Andrés Iglesias; e o deputado do grupo socialista Aurentino Alonso, que se abstivo na votación;. Tras esta convocatoria, os asistentes tamén participaron na constitución dunha comisión mixta que se encargará de iniciar os trámites para dar cumprimento ao acordo do pleno.
Pablo Pérez expresou a súa satisfacción por un acordo "que referenda á Deputación de Ourense como un goberno provincial fiable e que cumpre coas súas promesas", subliñando ao tempo "a implicación da Xunta de Galicia coa prestación dos servizos de emerxencia", de maneira que sexa igual para toda a cidadanía galega con independencia do seu lugar de residencia.
O presidente do consorcio puxo énfase tamén na "boa sintonía e disposición" dos traballadores dos parques, con cuxos representantes reuniuse onte, "cara iniciar unha nova etapa que se basea na prestación dun servizo que incremente aínda máis os seus niveis de eficiencia e eficacia".
Este paso, engadiu, englóbase na política desenvolvida pola Deputación nos últimos anos. Destacou así Pablo Pérez que aos catro parques que xestiona o consorcio súmanse os 11 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia, o servizo supramunicipal de Terras de Celanova e o parque de bombeiros que xestiona directamente a Deputación con base no polígono de San Cibrao, de tal xeito que Ourense ten pechado así o seu mapa provincial de emerxencias.