
Arrinca setembro e con el a rutina, tamén no ámbito político. Aurentino Alonso é deputado polo Partido Socialista de Galicia na Deputación de Ourense e, aínda que no mes de agosto non celebra pleno ordinario, valoramos con el o balance do pasado curso e encaramos o seguinte.
«Valoramos moi positivamente o pasado ano político porque se acadaron cousas que se estaban pelexando dende hai moito tempo», explicaba o deputado. Entre elas destaca o Plan de Financiamento dos Concellos, no que «se conseguiu que houbese un reparto equitativo entre todos».
Neste senso, hai uns días publicaba a Deputación de Ourense unha partida orzamentaria de 40.000 euros para o Conservatorio Municipal do Barco —e aos outros catro de Galicia—.
«Acadouse tamén máis transparencia, máis autonomía para os grupos políticos, e o presidente prometeunos que sairá o Plan Provincial de Estradas dun xeito equitativo e xusto», ampliaba Alonso. Espazo tamén destacado para o deputado en Trives e Manzaneda, «que volven ao Consello de Administración porque hai que redefinir cal é o futuro da Estación de Montaña».
«Con ilusión e con ganas»
Así definía Aurentino Alonso a entrada no curso político do seu partido. «Os deberes que temos están claros. En primeiro lugar, o Plan Único CooperOU e continuar na redefinición da Estación de Montaña de Manzaneda». O ámbito das estradas tamén está no centro para este deputado, que destacaba «a de San Vicente de Leira, algo que hai que solucionar xa».
En cuestións medioambientais, Alonso pon en valor a cuestión da enfermidade hemorráxica epizoótica «que está causando moitas perdas e preocupacións nos gandeiros»; e o exceso de stock en adegas da Ribeira Sacra, «que provoca unha redución na compra de uva aos produtores».
No seguinte enlace de audio pode escoitar a entrevista completa: