
A vindeira semana ponse en marcha o plan estatal “A Administración Cerca de Ti” en nove Concellos da provincia, achegando as ferramentas da Administración dixital aos veciños e veciñas que viven no rural. Trátase do programa do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, enmarcado nas políticas de reto demográfico para avanzar na eliminación da fenda dixital e na cohesión social e territorial.
Deste xeito, persoal da Subdelegación do Goberno visitará, cos seus equipos tecnolóxicos, os Concellos de Manzaneda, Pobra de Trives, A Rúa, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Viana do Bolo, Oímbra. Nestes municipios os funcionarios ensinarán ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolverán dúbidas e tramitarán, entre outros, o Certificado Dixital, imprescindible para moitas xestións e que só se pode tramitar na presenza física da persoa que o solicita.
Esta iniciativa do Goberno de España ten presencia en todo o territorio da provincia, ofrecendo un servizo útil e próximo, coa garantía de que as persoas que viven nas localidades de menor poboación reciben os mesmos servizos públicos. Así, tras os dous primeiros meses, a “A Administración Cerca de Ti” chegou a 41 municipios da provincia, nos que se tramitan diferentes xestións sendo o Certificado Dixital unha das máis demandadas pola cidadanía.
Concretamente, os Concellos polos que pasou este programa son: Coles, A Peroxa, Punxín, Maside, San Amaro, Cenlle, Piñor, Vilamarín, Amoeiro, Castrelo de Miño, Ribadavia, Carballeda de Avia, Leiro, Arnoia, Cortegada, A Bola, Celanova, Gomesende, Padrenda, Cartelle, Ramirás, Baños de Molgas, Maceda, Cualedro, Monterrei, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Taboadela, A Merca, A Veiga, Xunqueira de Espadañedo, Esgos, Xunqueira de Ambía, Allariz, Parada de Sil, Montederramo, San Xoan de Río e Castro Caldelas.