
O Concello de Vilamartín organiza para o vindeiro 14 de maio unha andaina solidaria a prol da Biopsia Líquida, o proxecto do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet), coordinado polo vilamartinés Rafael López, que ademais participará nesta andaina.
Co afán de que todo o mundo poida participar, hai dous circuítos de distinta lonxitude: un de 17 km, para os máis experimentados; e outra de algo menos de 4 km "un paseo ao alcance de todo o mundo, xa que será un percorrido pola zona do Bañadoiro", explicou a concelleira de deportes, Eva Arias.
Na presentación da andaina, ademais da concelleira, estivo o alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, e os membros de Xanzá Ecoturismo, José López Parra e Víctor Fernández, que colaboran coa organización.
O prazo de inscrición xa está aberto a través da páxina web www.carreirasgalegas.com, ou acudindo aos distintos puntos físicos habilitados para este fin: no Concello de Vilamartín, a asesoría Firmar; e nos concellos de O Barco e A Rúa, a tenda deportiva Trisport. O prezo desta inscrición (8 euros para adultos e maiores de 14 anos e 3 euros para os menores de 14) será doado integramente ao proxecto da Biopsia Líquida. Será o Concello de Vilamartín quen se faga cargo dos gastos xerados pola organización deste evento.
"Ademais de ser unha andaina totalmente benéfica, tamén será moi proveitosa xa que é un percorrido espectacular, con vistas ao val de Valdeorras, con parada en puntos especialmente bonitos: a Fervenza, o Castelo de Arnado, o Convento de Correxais...", asegura José López Parra, de Xanzá Ecoturismo. A saída será ás 9:30 horas dende a zona do Bañadoiro. Calcúlase un tempo de 4 horas para rematar o percorrido.
Para aquelas persoas que queiran facer un donativo sen participar nestas andainas, poden acollerse ao dorsal solidario, que tamén estará dispoñible nos puntos habilitados para as inscricións.
Este é o cuarto acto que Vilamartín realiza a prol da Campaña de Micromecenazgo para a Biopsia Líquida, que xa superou con creces o seu principal obxectivo de medio millón de euros e xa leva recadados 597.100 euros.