A Santa Rita vívese dende pequena. Dende o primeiro día que os teus pais deciden enfundarte no traxe tradicional galego e buscar a Julio Mourelo para que te coloque en primeira línea da procesión, cos demáis nenos, e cunha rosa envolta con cariño pola túa nai, en papel de aluminio, para que non pique ós dedos. Dende o día que toda a xente te mira, e agárraste con máis forza a cada paso, da man do que che tocou de compañeiro. Nese día no que as bombas aínda che asustan pero sabes que forman parte do espectáculo, no que queres cumprir co papel encomendado ainda que non saibas moi ben a razón.
E a razón é que a Santa de Casia ven detrás túa, porque hoxe é o día que sae do templo que leva o seu nome, e recorre as rúas do pobo. Ela tamén engalánase para a ocasión, e os fieis a cubren de rosas, coma esa que levas na man, cuxa auga bendita faina brillar máis que ningunha. De súpeto, a Banda de Música fai soar os instrumentos e a xente comeza a avanzar. Todos veñen coas mellores galas, ole a perfume, fanche unha foto, e a túa compañeira lanza ao aire os pétalos que leva na súa cestiña de mimbre. O orgullo de presidir a comitiva faiche erguer a cabeza.
Na Praza do Concello, a túa nai aproveita para colocarte a pañoleta da cabeza, e a procesión continúa os seus pasos de cara a avenida principal da vila. Na rúa Eulogio Fernández daste conta da cantidade de xente que a devoción e o bo tempo congregou, e cando toda esa xente torna para enfilar a rúa Santa Rita, trala santa podes atisbar aos que van vestidos de branco, incluso un deles cun sombreiro peculiar. Trátase da mitra do Obispo, que acompaña co báculo nas mans, e os de branco, os sacerdotes que ó día da santa viñeron celebrar.
Na estación de tren éntrache a calor deste final de maio, e cústache manter o tipo. Pero sen casi pensalo, a procesión entra na Praza do Príncipe de novo e alí, volves a ser nena. Mentres a santa entra no templo e os fieis mírana en silencio, os correteos de rapaza sacuden a solemnidade do acto e transfórmano en recordo de infancia para toda a vida.
Un recordo co que moitos nenos e nenas do pobo creceron e que este ano non se repetiu por completo. Porque este ano faltache á cita Julio, sei que foi por causa maior. Os cativos e cativas do Barco non encabezaron a procesión; luciron os traxes, lanzaron as rosas, camiñaron xunto á santa, pero non estaba o encargado de darlles protagonismo como cada ano. Hoxe todo o mundo entendeu o importante que son esas persoas que sempre están, coma ti, e se lles bota de menos cando faltan porque algo non marcha igual que sempre. Esas persoas, que están para todos, desinteresadamente, son as que fan grande á Santa Rita.