lunes. 09.06.2025

A Unidade de Hospitalización a Domicilio atenderá a todo Valdeorras

Para a ampliación do servizo procedeuse á contratación dun médico especialista en xeriatría e unha enfermeira con dedicación exclusiva a unidade

A Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital Público de Valdeorras dará cobertura a todos os concellos deste Distrito Sanitario que, desde o pasado día 22 de xaneiro contan cun médico especialista en xeriatría e unha enfermeira, con dedicación exclusiva á nova unidade de carácter comarcal.

Os novos profesionais do servizo, ata agora só accesible para os residentes no Barco, atenden desde estes días tamén aos pacientes de Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Pobra de Trives, Manzaneda, Larouco, Rubiá, Viana do Bolo, e Vilamartín de Valdeorras, incluindo tamén aos San Xoan de Río.



Asemade desde o novo equipo traballan ultimando os plans de traballo e coordinación co resto de servizos do Hospital e Atención Primaria, xa que a coordinación entre as distintas especialidades e centros é fundamental para que a unidade chegue alí onde sexa preciso.

Mañá mesmo, 28 de xaneiro, están previstas senllas reunións de presentación cos profesionais de atención primaria do Distrito, que están convocados nos centros de Saúde de A Rúa e O Barco, co obxectivo de coñecer aos seus responsables, funcionamento e vías de activación ou derivación de pacientes.

Hospital na casa

A Unidade de Hospitalización a Domicilio ten por obxectivo o mantemento dos coidados hospitalarios naqueles pacientes que, cuns coidados médicos e de enfermería especializados, poden ser dados de alta no hospital e continuar seu tratamento na casa, ou ben manter no seu domicilio a pacientes que, doutro xeito, terían que ingresar.

A principal vantaxe deste modelo de hospitalización é que permite a recuperación do paciente nun entorno coñecido, mais saudable e favorable para súa plena recuperación que un hospital, e baixo uns coidados especializados que evitan a sobrecarga de traballo, ou illamento da familia, ante a enfermidade do seu achegado.

Máis recursos, máis territorio

A Hospitalización a Domicilio ten un papel fundamental para afrontar desafíos como o envellecemento da poboación e a súa dispersión, así como a atención ao paciente pluripatolóxico ou crónico, por elo, o pasado ano, a Consellería de Sanidade puxo en marcha o "Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023" destinado a potencialo, estendendo a súa cobertura, ao 100% de Galicia, e aumentando as súas dotación de recursos humanos e materiais, no que se enmarca a ampliación de Valdeorras.



Ademais do aumento de recursos, unha das principais novidades do Plan é que reforza o vínculo coa Atención Primaria, xa que inclúe a atención compartida de primaria e dos profesionais de HADO, permitindo que ambos equipos de profesionais asistan ao paciente de maneira coordinada, programando visitas conxuntas cando sexa necesario.

Este reforzo da coordinación con Atención Primaria permite establecer circuítos de derivación, e protocolos de traballo conxunto, entre os centros de saúde e as súas unidades de HADO. Ademais, deseñáronse e adaptáronse ferramentas electrónicas, para facer posible esta derivación desde a historia clínica, así como para que os médicos e persoal de enfermaría de Atención Primaria poidan realizar consultas aos profesionais de HADO.

Para estes desprazamentos, cada unidade dispón dun vehículo propio, precisamente, o equipo de Valdeorras, renova o anteriormente dispoñible por un totalmente eléctrico.


Vehículo de Hospitalización a domicilo ás portas do HPV

A Unidade de Hospitalización a Domicilio atenderá a todo Valdeorras