viernes. 13.02.2026

Comadres ao poder nunha noite chea de festa en Vilamartín e Viloira

Máis de cen mulleres celebran a súa noite grande do Entroido entre ceas, disfraces e moita troula

Seguimos de cheo no Entroido e, nesta ocasión, foi a quenda delas. O tradicional Xoves de Comadres converteuse, unha vez máis, nunha noite especial na que as mulleres toman o protagonismo absoluto da festa. Hai exactamente unha semana eran eles quen gozaban do seu día característico; agora, o poder festivo mudou de mans para celebrar unha das citas máis agardadas destas datas.

Vilamartín de Valdeorras

No Centro Social Santa Lucía reuníronse 63 mulleres reuníronse  para compartir cea e diversión nun ambiente inmellorable. A maior parte acudiron disfrazadas e con moitas ganas de pasalo ben. Apenas remataban os pratos cando xa comezaban os primeiros bailes, risas e cantos, nunha velada que foi gañando intensidade co paso das horas. Sen dúbida, unha xornada moi especial na que non se admiten homes. Aínda así, algún atreveuse a intentalo, pero foi rapidamente “cacheado” e convidado a marchar entre risas e aplausos das asistentes.

Viloira (O Barco)

A Asociación de Mulleres celebrou por primeira vez a súa propia cea de Comadres, e o resultado non puido ser mellor. Unhas 40 socias participaron nesta iniciativa, que tivo lugar nun restaurante da localidade. A planta baixa do establecemento pechouse en exclusiva para elas, creando un espazo propio onde cantar, bailar e gozar sen reservas desta noite tan especial, a súa noite.

 

En ningunha das celebracións faltaron as ganas nin a ilusión por gozar e celebrar, algo que resultou doado, xa que todas se coñecen e manteñen unha excelente relación. O Xoves de Comadres consolídase así como unha das tradicións máis emblemáticas do Entroido, unha noite de unión, reivindicación festiva e, sobre todo, de ledicia compartida.

Comadres ao poder nunha noite chea de festa en Vilamartín e Viloira