sábado. 07.03.2026

A Xunta chama aos concellos a reforzar a coordinación para adiantar os traballos de prevención dos incendios forestais

O delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse cos alcaldes da provincia para avanzar na planificación da limpeza de biomasa, nun ano no que a Xunta incrementa un 50 % o orzamento destinado á prevención, ata os 75,38 millóns de euros
somoscomaca_3193

«O lume non entende de fronteiras e a cooperación para intercambiar boas prácticas e coñecementos sobre como previlos e apagalos é esencial». Con esta reflexión abriu a súa intervención o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na reunión mantida cos alcaldes da provincia para avanzar na coordinación dos traballos de limpeza e xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O encontro, celebrado na Delegación Territorial, permitiu abordar a planificación das actuacións preventivas fronte aos incendios forestais e lembrar a necesidade de reforzar a colaboración entre administracións. Neste sentido, Pardo apelou á implicación dos concellos que aínda non se adheriron ao convenio de cooperación para que o fagan canto antes.

Aínda que os municipios poden sumarse ao acordo en calquera momento, o delegado territorial transmitiu a conveniencia de que aqueles que desexen realizar traballos ao longo deste ano formalicen a súa adhesión antes do 21 de marzo, co fin de facilitar a organización das actuacións. Ademais, os concellos deberán remitir á Xunta, como moi tarde o 31 de marzo, o plan de traballo coas intervencións solicitadas nos seus respectivos territorios.

Durante a reunión, Manuel Pardo puxo en valor o esforzo que está a realizar o Goberno autonómico para reforzar a prevención fronte aos lumes forestais. Así, lembrou que o orzamento destinado a esta finalidade experimenta un incremento do 50 %, ata alcanzar os 75,38 millóns de euros en 2026.

O delegado tamén destacou que o investimento destinado a estas tarefas se duplica ata os 25 millóns de euros anuais, incluíndo un fondo específico de limpeza de faixas dotado con 10 millóns de euros. Este convenio reforza especialmente o apoio aos concellos e aos particulares, sobre todo nos municipios de menos de 10.000 habitantes, e facilita a execución subsidiaria en zonas de risco nas que os propietarios non cumpran coas súas obrigas.

No marco deste programa tamén se ampliou o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276. Nelas, os particulares poderán contratar a empresa pública Seaga para realizar as rozas por un importe de 420 euros por hectárea.

Ademais, mantense a posibilidade de que Seaga execute traballos subsidiarios de ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, así como a limpeza de ata 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se ampliará o subministro de especies vexetais destinadas a crear franxas naturais de protección arredor dos núcleos urbanos, co obxectivo de reducir a necesidade de limpezas periódicas.

A colaboración con Seaga permitirá tamén aos concellos adheridos recibir apoio técnico para revisar, modificar ou elaborar o seu plan municipal de prevención, ademais de realizar inspeccións e notificar aos titulares das parcelas que deben cumprir coa normativa.

Segundo informou o delegado territorial, a comezos deste ano iniciouse xa o proceso de contratación dos primeiros lotes de traballo ao abeiro do novo convenio. En total, trátase de 12 lotes por valor de 6 millóns de euros, que permitirán actuar en preto de 1.900 hectáreas en toda Galicia e intervir en máis de 37.000 parcelas nos concellos que se sumen ao acordo.

Manuel Pardo insistiu en que a prevención debe ser unha tarefa compartida entre administracións e cidadanía. «O obxectivo último é protexer á poboación, salvagardar os recursos naturais e garantir a seguridade das persoas que traballan sobre o terreo», concluíu.

A Xunta chama aos concellos a reforzar a coordinación para adiantar os traballos de...