Valdeorras estivo presente na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública na capital galega. A pesar da chuvia, milleiros de persoas sumáronse a esta mobilización, na que tamén se puideron ver as pancartas da Asociación de Silicose de Valdeorras (ASILIVAL), reclamando a presenza dun neumólogo no Hospital Comarcal de Valdeorras baixo o lema «Queremos un neumólogo para o Hospital Comarcal de Valdeorras».
Tamén participou a Plataforma Sanitaria de Valdeorras coa pancarta «Pola defensa dos servizos públicos de Valdeorras. Non aos recortes dos nosos dereitos». Detrás destas pancartas situáronse representantes da política local, como o alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, e os concelleiros Alba Rodríguez e Manuel Agra.
O responsable de CIG-Saúde na comarca, Jesús Vilasánchez, leu parte do manifesto como portavoz da plataforma, no que denunciou que o hospital «está destruído polo sistema público» e que conta con «400 camas menos das necesarias», asegurando ademais que «este hospital é propiedade dun grupo de investimento multinacional».
Pola súa banda, Aurentino Alonso valorou a concentración como «positiva, a pesar de que non houbo tanta xente como noutras ocasións». Segundo indicou, «o día en Santiago foi chuvioso e frío, pero a xente que estivo está, como sempre, moi implicada». Ademais, destacou que «as dúas pancartas de Valdeorras estiveron á fronte da manifestación na Praza do Obradoiro e tiveron bastante repercusión».
Milleiros de galegos e galegas saíron esta mañá ás rúas de Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública para denunciar o modelo de xestión da Xunta de Galicia, que —segundo os convocantes— favorece a privatización e provoca o deterioro do sistema sanitario galego.
A marcha, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública e apoiada por diferentes asociacións, sindicatos e partidos políticos, denunciou o colapso da atención primaria e das urxencias hospitalarias. Os manifestantes esixiron máis medios, máis profesionais e, sobre todo, a redución das listas de espera, acusando á Xunta de favorecer a privatización da sanidade pública.
A concentración percorreu as rúas compostelás para rematar na Praza do Obradoiro, onde se procedeu á lectura do manifesto. A marcha estivo encabezada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro; e o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos.
