lunes. 27.05.2024
somoscomarca_240507_obarco_presentacionfeiradoviño250
«Un cartel que sabe a godello».

Un total de 21 adegas —unha máis que na edición anterior— participan este ano na XXV Feira do Viño de Valdeorras, nas súas "Vodas de Prata". Os próximos 1 e 2 de xuño a praza de Viloira será o escenario de música, cultura, gastronomía, catas maridades ou showcookings. Todas elas actividades que darán comezo tras o pregón do xornalista Xabier Fortes o sábado 1 ás 12:30 horas. 

«Esta é a festa da nosa casa e por iso lle damos aínda máis cariño», explicaba o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez, na presentación da programación. Espazo destacado na presentación para o cartel deste ano, obra do artista Miguelanxo Prado. «Este ano non facemos concurso e encargamos esta tarefa a este grande artista moi vencellado á nosa D.O.». 

O lema deste ano é "Beber a terra e a paisaxe", «algo que se reflexa perfectamente no cartel anunciador coa pegada de Valdeorras no interior da botella». O alcalde do Barco, Alfredo García, sinalaba na rolda de prensa o «acertado» que é o cartel deste ano «que recolle perfectamente o que é Valdeorras e esta feira de Viloira, que está xa consolidada nun espazo excelente». 

somoscomarca_240507_obarco_presentacionfeiradoviño246

Os horarios de feira serán de 12:30 a 14:00 e de 20:00 a 00:00 horas e o presidente do Consello Regulador quixo destacar a Cata Popular, «que este ano oferta 40 prazas —10 máis que na edición pasada— e da que sairán os únicos premios que se outorgarán na feira». Contada Rodríguez que o obxectivo é «facer que os participantes se sintan como catadores profesionais». 

Nas demais catas as prazas oscilan as 15 e 20 persoas, e teñen un custo de 10 euros. As inscricións poden realizarse no 651 12 33 08 ou no correo [email protected]. Espazo destacado para un showcooking no que o chef Xosé Manuel Mallón despregará a súa creatividade; e para un concerto a cargo de “Os Alcántara”. 

Un programa completo que, segundo desexaba o alcalde na presentación, «crucemos os dedos para que o acompañe o bo tempo porque é algo primordial en actividades ao aire libre». Fixo fincapé tamén no traballo «e esforzo dos adegueiros por continuar poñendo Valdeorras no mapa». 

Ademais, a Feira terá un espazo para os máis pequenos nos xardíns da Casa Grande de Viloira con inchables.

As adegas participantes son: A Cova da Xabreira; Adega A Coroa; Adega Alan de Val; Adega Arnadoval Adega Melillas – Lagar do Cigur; Adega O Casal; Adega O Cepado; Adega Quinta da Peza; Barón do Sil; Bioca; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno; Bodega Godeval; Bodega Hacienda Ucediños; Bodega Joaquín Rebolledo; Bodega Roandi; Bodegas Ruchel; Bodega Sampayolo; Bodega Santa Marta; D’Berna; Viña Costeira; e Virgen del Galir.

«Un cartel que sabe a godello»