«Un cartel que sabe a godello»

«Un cartel que sabe a godello».
Así definiu o alcalde do Barco, Alfredo García, o deseño de Miguelanxo Prado para a XXV Feira do Viño. Presentou o programa completo xunto ao presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez

Un total de 21 adegas —unha máis que na edición anterior— participan este ano na XXV Feira do Viño de Valdeorras, nas súas "Vodas de Prata". Os próximos 1 e 2 de xuño a praza de Viloira será o escenario de música, cultura, gastronomía, catas maridades ou showcookings. Todas elas actividades que darán comezo tras o pregón do xornalista Xabier Fortes o sábado 1 ás 12:30 horas. 

«Esta é a festa da nosa casa e por iso lle damos aínda máis cariño», explicaba o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez, na presentación da programación. Espazo destacado na presentación para o cartel deste ano, obra do artista Miguelanxo Prado. «Este ano non facemos concurso e encargamos esta tarefa a este grande artista moi vencellado á nosa D.O.». 

O lema deste ano é "Beber a terra e a paisaxe", «algo que se reflexa perfectamente no cartel anunciador coa pegada de Valdeorras no interior da botella». O alcalde do Barco, Alfredo García, sinalaba na rolda de prensa o «acertado» que é o cartel deste ano «que recolle perfectamente o que é Valdeorras e esta feira de Viloira, que está xa consolidada nun espazo excelente». 

Os horarios de feira serán de 12:30 a 14:00 e de 20:00 a 00:00 horas e o presidente do Consello Regulador quixo destacar a Cata Popular, «que este ano oferta 40 prazas —10 máis que na edición pasada— e da que sairán os únicos premios que se outorgarán na feira». Contada Rodríguez que o obxectivo é «facer que os participantes se sintan como catadores profesionais». 

Nas demais catas as prazas oscilan as 15 e 20 persoas, e teñen un custo de 10 euros. As inscricións poden realizarse no 651 12 33 08 ou no correo comunicacion@dovaldeorras.com. Espazo destacado para un showcooking no que o chef Xosé Manuel Mallón despregará a súa creatividade; e para un concerto a cargo de “Os Alcántara”. 

Un programa completo que, segundo desexaba o alcalde na presentación, «crucemos os dedos para que o acompañe o bo tempo porque é algo primordial en actividades ao aire libre». Fixo fincapé tamén no traballo «e esforzo dos adegueiros por continuar poñendo Valdeorras no mapa». 

Ademais, a Feira terá un espazo para os máis pequenos nos xardíns da Casa Grande de Viloira con inchables.

As adegas participantes son: A Cova da Xabreira; Adega A Coroa; Adega Alan de Val; Adega Arnadoval Adega Melillas – Lagar do Cigur; Adega O Casal; Adega O Cepado; Adega Quinta da Peza; Barón do Sil; Bioca; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno; Bodega Godeval; Bodega Hacienda Ucediños; Bodega Joaquín Rebolledo; Bodega Roandi; Bodegas Ruchel; Bodega Sampayolo; Bodega Santa Marta; D’Berna; Viña Costeira; e Virgen del Galir.