«O Luar do Sil», «Casal Novo» e «Alento de Roandi», os mellores viños da XXVI Cata da D.O. Valdeorras
O Complejo Hostelero Paladium, en Vilamartín de Valdeorras, acolleu un ano máis a entrega de premios da XXVI Cata dos Viños da D.O. Valdeorras, un evento que recoñeceu a calidade dos mellores brancos e tintos da comarca. Participaron un total de 20 adegas, con 50 viños: 29 brancos —19 deles da colleita 2024— e 21 tintos —10 tamén da última añada—.
No acto institucional participaron autoridades locais e provinciais, que ademais de apoiar o acto coa súa presenza tamén foron os asinados para a entrega dos premios: Marcos Prada —presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras—, Martín Alemparte —Axencia Galega da Calidade Alimentaria—,Sherezade Núñez —tenente de alcalde de Vilamartín—, María del Carmen González —alcaldesa de Sobradelo e delegada especial da Deputación de Ourense en Valdeorras—, Alfredo García —alcalde do Barco—, José Antonio Armada —director territorial de medio rural en Ourense—, Elías Rodríguez —alcalde de Rubiá—, Patricia Lamela —alcaldesa de Larouco—, Enma González—xerente do INORDE— e Aurentino Alonso —concelleiro de Deportes do Barco—.
As figuras entregadas nesta gala foron realizadas por artesáns co selo de calidade de Artesanía de Galicia entre os que, sen dúbida a lousa de dous picos que representa as montañas de Trevinca, agasallo do Clúster da Pizarra foi o máis orixinal.
Os artistas de AMAVA, Marina e Edu, ela coa impresionate voz e el acompañando coa guitarra, foron os encargados de por a nota musical durante os premios. O dúo de saxofóns composto por Quique e Iria puxeron o broche de ouro ao acto de entrega e logo continuaron durante a velada.
. Os viños premiados
Brancos (añada 2024):
- «O Luar do Sil Godello» – Pago de los Capellanes, S.A.
- «Joaquín Rebolledo Godello» – Joaquín Rebolledo, S.A.
- «O Luar do Sil Godello sobre lías» – Pago de los Capellanes, S.A.
Tintos (añada 2024):
- «Casal Novo Mencía» – Adega O Casal, S.L.
- «Mil Ríos Mencía» – Terriña, S.L.
- «Joaquín Rebolledo Mencía» – Joaquín Rebolledo, S.A.
Mencións especiais a viños doutras añadas:
- Branco: «Alento Godello 2023» – Bodega Roandi, S.L.
- Tinto: «Quinta da Peza Oro 2023» – Adega Quinta da Peza, S.L.
- Tinto: «D'Berna “Ele” Garnacha Tintorera 2018» – Guitián y Blanco, S.C.
Fixeron dobrete as adegas Joaquín Rebolledo e O Luar do Sil. Mentres a primeira obtiña os galardóns polo Godello e a Mencía, o segundo obtiña os dous premios na categoría de brancos, cun godello e un godello sobre lías.
Marcos Prada: «Un sector que busca sempre a calidade»
O presidente da D.O. Valdeorras salientou que «a entrega de premios visibiliza o esforzo dos profesionais do viño» e que todos os viños participantes «son gañadores» pola calidade e traballo que representan. «Contribúen a dar identidade propia ao produto e á súa orixe», concluíu.
Sherezade Núñez: «O Sil, vertebrador do noso legado vitivinícola»
A representante do Concello de Vilamartín destacou a importancia simbólica e histórica do lugar: «O río Sil é o protagonista indiscutible da nosa identidade e do legado milenario que é a vitivinicultura». Recoñeceu tamén o valor das xeracións que seguen traballando a terra «con amor e dedicación».
María del Carmen González: «Os premios non se regalan»
A delegada da Deputación fixo fincapé no esforzo que hai detrás de cada recoñecemento: «Son produto do traballo, da loita e do sacrificio». Reivindicou o papel da comarca como exemplo de calidade, tanto polos seus viños como pola «calidade humana das súas xentes».
Martín Alemparte: «Temos que converter os retos en oportunidades»
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria abordou os desafíos actuais do sector: o descenso do consumo, a falta de relevo xeracional ou as novas normativas. Lembrou que «hai 50 anos naceu aquí o godello como se coñece hoxe» e que esa capacidade de adaptación debe seguir guiando ao sector.
Ao remate uns pinchos acompañaron os viños que se presentaron á cata e que os asistentes puideron degustar.