
Carlos López Gudiña é un apaixonado do deporte en todas as súas disciplinas, «fun adestrador de fútbol de veteranos e de fútbol sala». Porén, «cando me din conta de que me pesaban as pernas é cando decidín cambiar de disciplina». Agora este veciño de Arcos decántase polas carreiras de montaña e sobre todo andainas.
«Neste mes levo 500km e algo quilómetros», afirma, «os fines de semana entre a liga de montaña e os trails que hai arredor non paro, e ademais camiño todos os días cando veño de traballar, distráeme e gústame».

Os Andarines de Arcos: reflexo da unión dos veciños
Os Andarines de Arcos naceu de xente do pobo. A nivel de asociación, «os trámites e a burocracia son complicados nos concellos. A nós non nos deron nada e non é por que non o teña pedido», reclama López. Desta forma, estes “andarines” compiten co clube Peña Trevinca, porén, “sempre levamos a nosa bandeira”.

Carlos López recoñece que “unha das satisfaccións que teño como persoa é ensinar os montes de Valdeorras a todo o mundo. A xente sempre andivo polo monte, pero eu creo que nós somos os pioneiros para que a xente o coñecera, xa que sacamos fotos e vídeos”. Así, “cando vou polo Barco ou outros lados, xente que non coñezo párame e dime que grazas a min viron algún sitio que sacamos”, afirma.

Moi bos resultados nas últimas probas
Os resultados nas últimas probas deixaron moi bo sabor de boca a Carlos López. No Trail de Balboa, quedou no posto 40. “É un trail bastante duro e as clasificacións tamén son relativas, xa que dentro de veteranos engloban a todas as persoas maiores de corenta anos”.

Así, en Marín alzouse co primeiro posto na andaina de 25km. “Son andainas de regularidade, e non gana o que chega primeiro, xa que teñen os tempos moi controlados e moita xente comete irregularidades como trotar ou correr. Hai varios postos de control e se pasas antes de tempo estás descalificado”, explica.

Ademais, nestes días facía por primeira vez unha carreira urbana na Virgen do Camino (León). “Fíxena en 52 minutos e gustoume moito”, afirma, “a próxima será en Astorga dentro de 15 días”.

Por outra banda, a liga da Federación Galega segue o seu curso. “Fixemos unha andaina de 50 km, e quedamos moi ben, xa que todos baixamos das oito horas que é unha barbaridade”. A seguinte proba será o vindeiro día 20 de abril en Entrimo. “É moi bonito pero moi dura, poño o reto das 10 horas” afirma López.

Ruta do Río Farelos, imprescindible para facer en Arcos
Carlos López e o resto dos Andarines de Arcos levan algúns anos traballando na Senda do Río Farelos. É ideal para facer en familia e ten varias opcións en canto a lonxitude ida e volta: 6km, 18km e 24km.

Porén, nestas datas o problema é que ao chegar ao quilómetro 6 “aínda hai un sitio no que hai que cruzar o arroio, polo que hai que mollar os pes, pero aínda así animo a todo o mundo a que o faga en Semana Santa”, recorda López.

E é que este pequeno grupo está a reacondicionar o entorno para que todo o mundo poda desfrutalo. “Somos poucos pero somos unidos. O traballo que facemos é sen costarlle nada a ninguén, por corazón e por que queremos”.